As chaves da vitoria de Macron: así mudou o voto na segunda volta

Emmanuel Macron converteuse este domingo no primeiro presidente reelixido para un segundo mandato desde 2002, nunhas eleccións nas que a extrema dereita subiu oito puntos a respecto dos anteriores comicios, en 2017.
Emmanuel Macron, este domingo, celebrando en París a súa vitoria fronte a Le Pen. (Foto: Thomas Coex / AFP / DPA)
photo_camera Emmanuel Macron, este domingo, celebrando en París a súa vitoria fronte a Le Pen. (Foto: Thomas Coex / AFP / DPA)

O electorado revalidou este domingo Emmanuel Macron (La Repúblique En Marche) como presidente de Francia por outros cinco anos, nunha votación de segunda volta máis axustada que a anterior —en 2017— na que se impuxo á ultradereitista Marine Le Pen (Rassemblement National) con 58,54% dos sufraxios fronte a 41,46% da súa rival.

A participación foi de 71,99%, case dous puntos menos que na primeira volta e tres menos que na segunda volta das eleccións de 2017, cando Macron venceu Le Pen obtendo 66,1% dos votos.

O candidato liberal compareceu ante os seus seguidores no Campo de Marte, fronte á Torre Eiffel, e presentouse como "o presidente de todos" nun escenario no que "a cólera e os desacordos" levaron millóns de franceses a votar Le Pen, dixo.

Marine Le Pen depositando o seu voto na rexión Nord-Pas de Calais, este domingo. (Foto: Thomas Samson / AFP / DPA)
Marine Le Pen depositando o seu voto na rexión Nord-Pas de Calais, este domingo. (Foto: Thomas Samson / AFP / DPA)

Macron converteuse este domingo no primeiro presidente reelixido para un segundo mandato desde 2002, cando o lograra Jacques Chirac, que vencera o tamén ultradereitista Jean-Marie Le Pen, pai de Marine, con 82,21% dos votos.

Pola súa parte, o líder de La France Insoumise, Jean-Luc Mélenchon, que ficou ás portas de pasar á segunda volta —menos de medio millón de votos de diferenza con Marine Le Pen—, considerou "unha moi boa nova" a derrota da extrema dereita, se ben sinalou Macron como "o peor presidente electo da V República".

Sobre a elevada abstención, precisou que "na primeira volta quedou claro que ambos os candidatos só representaban unha terceira parte do electorado". Mélenchon, tras quedar eliminado na primeira volta, instou as e os seus votantes a "non dar un só voto a Le Pen", mais evitou ofrecer un apoio explícito a Macron, algo que si fixeron o comunista Fabien Roussel, o ecoloxista Yannick Jadot ou a conservadora Valérie Pécresse.

De feito, unha sondaxe publicada por Ipsos evidencia que, a diferenza do acontecido en 2017, desta volta Macron perdeu boa parte dos apoios na segunda quenda de votacións cara a abstención e o voto en branco ou nulo.

Isto aconteceu principalmente co electorado de La France Insoumise: só 42% votou Macron, mentres outro 24% abstívose, 17% votou nulo ou en branco e o 17% restante decantouse por Le Pen.

Emmanuel Macron obtivo, aliás, un de cada dous sufraxios de Pécresse (53%) e dous terzos do electorado de Jadot (65%), ao tempo que conservou 98% das e dos seus votantes e gañou 3% de electores a Le Pen e até 10% ao outro candidato de extrema dereita, Éric Zemmour.

Comentarios