As Forzas Armadas de Israel iniciaron o novo ano con intensos bombardeos contra a poboación civil de Gaza, que causaron numerosos mortos e feridos. Segundo os datos achegados pola axencia oficial de noticias palestina WAFA, un mínimo de 68 persoas perderon a vida como consecuencia dos ataques do exército sionista.
Bombardeos
Israel lanzou fortes ataques aéreos e de artillaría contra o centro e o sur de Gaza, destacando os bombardeos da cidade de Khan Yunis e do campamento de refuxiados de Nuseirat. Asemade, a aviación israelí actuou contra o campamento de refuxiados de Jabalia.
A axencia WAFA informou cun mínimo de 68 persoas perderon a vida cando avións de combate bombardearon o barrio da Al-Zaytoun, no centro da cidade de Gaza, e as inmediacións da Universidade da Al-Aqsa.
Na mesma liña, a canle de televisión Al-Jazeera revelou que nos arredores de Khan Yunis líbranse violentos enfrontamentos terrestres entre os milicianos palestinos e as tropas israelís.
Consello Nacional Palestino
O Consello Nacional Palestino aproveitou o seu tradicional chamado de Aninovo para denunciar “o silencio de moitos países e de organismos internacionais sobre a participación de mercenarios estranxeiros na comisión de crimes de xenocidio, limpeza étnica, masacres e desprazamento forzado no enclave” de Gaza.
O órgano lexislativo denunciou que “mentres o mundo celebra a chegada dun novo ano, as rúas de Gaza están cheas de cadáveres, destrución, morte e privacións” e reclamou ao secretario xeral da ONU, o portugués Antonio Guterres, “incluír a Israel na lista de países da vergoña e acelerar a declaración de Gaza como zona de desastre”.