Brazos rotos para a colleita en Europa

O feche das fronteiras a causa da pandemia imposibilitou durante semanas a chegada de temporeiros a Estados como Alemaña, España ou Italia, obrigando a medidas extraordinarias e evidenciando a dependencia do sector agrícola da UE dunha man de obra estranxeira, en moitos casos, en condicións de explotación laboral.
2020061514334996546
photo_camera O traballo de recollida de froita e de verduras require dunha especialización adquirida ano tras ano (Europa Press)

Os países occidentais da UE comezan a reabrir as súas fronteiras e a relaxaren as restricións de entrada para os estranxeiros coa vista posta na reactivación económica. Un dos grandes afectados pola pandemia foi o sector agrogandeiro, onde se evidenciou a dependencia existente da man de obra chegada do leste de Europa ou do norte de África.

En Alemaña, por exemplo, arredor de 95% dos temporeiros que traballan no campo non son alemáns. Mais cos contaxios medrando, a finais de marzo o Goberno vetou a entrada a operarios foráneos, ás portas da tempada da fresa e do espárrago. Cunha facturación de cinco millóns de euros en 2019, a patronal presionou para que se tomasen medidas extraordinarias que incluían, por exemplo, cubrir a demanda con refuxiados sen permiso de traballo ou con peticionarios de asilo.

Xa nos últimos dous meses, o Executivo permitiu a entrada de até 80.000 temporeiros estranxeiros, a maioría de Romanía, Polonia e Bulgaria e, a partir de hoxe e até o 31 de decembro, segundo anunciou a ministra de Agricultura, Julia Kloeckner, a entrada volverá ser libre. De acordo cos datos deste departamento, até principios de xuño só chegaran uns 39.000 cando anualmente a cifra total ascende a 300.000.

Explotación

As novas normas obrigan a que os temporeiros garden 1,5 metros de distancia e traballen en grupos pequenos. Ademais, en caso de se detectar un caso da COVID-19, o equipo debe ser illado e o empresario teno que notificar ás autoridades. Porén, a situación real é ben distinta.

As denuncias polas condicións laborais son continuas. Os sindicatos detectaron casos como o dun grupo de romaneses nunha plantación de espárragos en Bornheim que non recibiran o salario ─máis baixo que o dos nacionais─, vivían amoreados en barracóns e recibían comida en mal estado. Ademais, en Alemaña incúmprense sistematicamente as medidas contra a COVID-19 e xa reapareceron brotes en matadoiros do país.

Tamén en España hai unha gran dependencia da man de obra estranxeira. Tamén en España cada certo tempo abrollan novos casos de explotación laboral. Na fin de semana pasada, a Garda Civil detivo dúas persoas en La Rioja e unha terceira en Huesca por este motivo. As vítimas estaban aloxadas en rochos e recibían amezas por parte dos patróns, que se aproveitaban da situación de vulnerabilidade e de que carecían da documentación necesaria para traballar. 

Tamén, aos municipios cataláns de Seròs e Alcarràs, segundo explicaron os seus alcaldes, cada día chegan máis temporeiros sen permiso á procura de traballo nas empresas froiteiras da zona. A principios deste mes tiveron que ser postos en corentena unha cincuentena de traballadores, no primeiro, e 14, no segundo. "Son 5.000 persoas máis [aumento de 50% da poboación] que proveñen de lugares moi diversos, o que facía prever que podería haber algún contaxio", explicou o mandatario de Alcarràs.

Regularización

Neste sentido, xa en abril máis dun cento de organizacións pediron ao Goberno español a regularización extraordinaria de migrantes sen papeis. Consideran que a situación deles exclúeos de acceder ás axudas do Estado malia ser un dos sectores máis precarios e vulnerábeis ante a pandemia. O Executivo argumenta que o Pacto Europeo sobre Inmigración e Asilo de 2008 "non permite regularizacións xeneralizadas". 

Porén, Portugal anunciou en marzo a concesión de permisos de residencia e de traballo para todos os migrantes con  solicitude en curso, permitíndolles desta maneira acceder ao sistema sanitario, asinaren contratos laborais, abriren contas bancarias ou solicitaren subsidios por desemprego.

E Italia aprobou o 13 de maio a regularización dos migrantes que se dediquen a labores agrícolas ou a coidados domésticos, con permisos de traballo e residencia por seis meses e posibilidade de prórroga. O obxectivo é duplo: paliar a falta de man de obra nestes sectores e aflorar o emprego somerxido tras décadas de fraude e explotación laboral no campo italiano. 

O ministro español de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, cuestionado en sede parlamentaria sobre esta posibilidade en España, dixo que "aquí non se dan as circunstancias excepcionais de Italia e Portugal". 

Comentarios