mércores 15.07.2020
A campaña catalá

O bloco independentista avantaxa en 4 pontos ao constitucionalista mais non ten garantida a maioría

Se a batalla é superar o limiar dos 68 escanos -o que marca a maioría absoluta- a carreira do 21-D vaise decidir na photo finish. A última mostra do tracking eleitoral de ElNacional.Cat mostra como o independentismo supera o constitucionalismo en por volta de 4 pontos, mais o bloco soberanista ten a hexemonía no Parlament en perigo.

Carles Mundó e Carme Forcadell -conseller e presidenta do Parlament postos en liberdade condicional polo TS- e Marta Rovira no mitin de abertura da campaña de ERC.
Carles Mundó e Carme Forcadell -conseller e presidenta do Parlament postos en liberdade condicional polo TS- e Marta Rovira no mitin de abertura da campaña de ERC.

O bloco soberanista (ERC, Junts per Catalunya, CUP) sumaría neste momento 47,21 dos apoios, face 43,80 que reuniría o conglomerado constitucionalista (Cs, PSC e os restos da antiga Unió, PP). No meio fica 7,97 por cento de Catalunya en Comú, formación unionista (non respalda a independencia) mais crítica co réxime de 1978 (das unionistas é a única que defende un referendo pactado con Madrid).

A tradución en escanos colocaría o bloco soberanista entre os 66 e os 70, isto é, a maioría absoluta (68) non está garantida e depende exclusivamente de se ERC e Junts Per Catalunya son quen de optimizar os seus resultados (o prognóstico é neste momento 33-35 asentos para a formación republicana e 24-26 para a candidatura encabezada por Carles Puigdemont). CUP estaría agora mesmo cravada en 9 actas. No Parlament xurdido das urnas de 2015 as formacións independentistas reuniran 72 escanos (62 de JxSí -coligazón de ERC e Convergència- e 10 da CUP).

Segundo o inquérito non se verifica a tese de que a maior participación menor percentaxe de voto independentista

O bloco constitucionalista, por súa parte, obtería entre 56 e 59 escanos, con Cs a abalar entre 30 e 32, PSC entre 20 e 21 e o PP a alcanzar un resultado francamente residual para a formación que goberna no Estado, con apenas 6 asentos no Parlament.

Se o bloco independentista non superar o limiar do escano 68, o árbitro do Parlament sería Catalunya en Comú, a listaxe que lidera Xavier Domènech, que obtería un resultado discreto (entre 9 e 10 escanos), mais que podería acabar desequilibrando a balanza entre soberanistas e constitucionalistas.

1,6 millóns de persoas irán votar mais fican indecisas sobre a quen

En percentaxe de voto a previsión do inquérito é a seguinte: ERC, 23.07 por cento; Cs, 22.99 por cento; Junts per Catalunya, 17,02 por cento; PSC, 15,33 por cento; Catalunya en Comú, 7,97 por cento; CUP, 7,12 por cento; PP, 5,48 por cento.

Feedback prevé unha participación altísima, por volta de 80,84 por cento (74,95 por cento en 2015), o que significa que, tendo en conta que o bloco soberanista practicamente repete o resultado de hai dous anos, non se verificaría a tese segundo a cal a menor grao de abstencionismo, menor apoio para as teses independentistas.

1,6 millóns de eleitores afirman a esta altura que irán votar, mais manifestan dúbidas sobre a quen. Como sempre, o exército de persoas indecisas pode vir a ser a chave da contenda eleitoral.

O bloco independentista avantaxa en 4 pontos ao constitucionalista mais non ten...
comentarios