Biden chega a Irlanda do Norte polo aniversario do Acordo do 'Venres Santo'

O Goberno de Londres dificulta a revisión de condenas inxustas.
O presidente dos EUA, Joe Biden, asegurou onte a "estabilidade" do sistema financeiro a pesar das crebas acontecidas nos últimos días (Saquan Stimpson / Europa Press / Contacto).
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden. (Foto: Saquan Stimpson / Europa Press)

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, aterrou esta terza feira en Irlanda do Norte para participar na conmemoración do 25 aniversario da sinatura do Acordo do ‘Venres Santo’, que puxo fin ao conflito armado no territorio entre o Estado británico co apoio dos paramilitares unionistas e o Exército Republicano Irlandés, que reclamaba a unificación política da illa de Irlanda e o final da represión contra a comunidade irlandesa no territorio.

Amais de participar nos actos oficiais co primeiro ministro do Reino Unido, Rishi Sunak, Biden brindará hoxe un discurso na Ulster University antes de continuar a súa viaxe oficial na República de Eire.

A conmemoración oficial chega nunha situación de máxima tensión no territorio, coa alerta terrorista en nivel “severo”, o que advirte dun posíbel atentado. A segunda feira, a data do aniversario, foron lanzados aproximadamente vinte cócteis Molotov contra un vehículo da Policía no marco dunha marcha en Derry polo Alzamento de Pascua de 1916, que iniciou a rebelión contra a colonización británica que desembocou na independencia irlandesa.

Malia que o acordo permitiu alcanzar unha “paz relativa”, apunta Joe O’Donell, do Belfast Interface Project, “non creo que ninguén poida dicir que o proceso de paz se cumpriu na súa totalidade”, mencionando a disfuncionalidade do lexislativo territorial, bloqueado polos unionistas.

Nese sentido, The Guardian relata que “o Goberno está dificultando” a revisión de condenas da época, en moitos casos baseadas en confesións obtidas coa tortura. O xornal sinala que na década de 1970 “era amplamente coñecido que o Exército británico abusaba dos prisioneiros en Irlanda do Norte”, o que Londres recoñeceu.

Comentarios