O Ministerio de Sanidade baralla o traslado de pacientes entre comunidades autónomas

O Goberno español estuda trasladar pacientes afectadas por coronavirus dunhas comunidades a outras. 
O ministro de Sanidade, Salvador Illa (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O ministro de Sanidade, Salvador Illa (Imaxe: Europa Press)

Co colapso dos centros hospitalarios de varias Administracións autonómicas, sobre todo en Madrid, o foco de maior contaxio, o Ministerio de Sanidade “está a valorar” o traslado de pacientes de territorios sen capacidade de atención a outros máis aliviados, segundo informou María José Sierra, xefa de área do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias que onte substituíu o director do Centro, Fernando Simón, na rolda de prensa diaria, ao dar positivo na proba de coronavirus.  

Onte á tarde, logo da intervención de Sierra, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, dixo que “non se descarta” esta posibilidade. Con todo, Illa negou que se estean trasladando na actualidade pacientes dunha comunidade a outra, mais incidiu en que “o Goberno fará o máis conveniente” que sexa para os afectados polo novo coronavirus.

“Está a facerse un esforzo de solidariedade importante entre as comunidades autónomas, pero non houbo traslado de pacientes, senón que se trasladaron distintas unidades de material e de subministración a lugares onde máis se necesitan. Por tanto, non houbo outra medida, aínda que non descartamos nada”, apostilou Illa.

Por outra banda, o ministro de Sanidade agradeceu o ofrecemento doutros países de mandar profesionais médicos ao Estado español, mais lembrou que se mobilizaron moitos recursos de persoal e que se está a estudar a mobilización dun meirande número de profesionais. 

Andalucía é a comunidade con maior dispoñibilidade de camas de unidade de coidados intensivos, ao contar con 1.000 libres entre a suma das dispoñíbeis actualmente entre centros públicos e privados, segundo explicou o conselleiro andaluz de Saúde, Jesús Aguirre. 
Andalucía ten 5.405 casos notificados de contaxio por coronavirus, dos que 216 requiriron coidados intensivos, e computou 236 falecementos, segundo as cifras facilitadas por Sanidade. 

O conselleiro Jesús Aguirre engadiu que, de o Goberno central articular a proposta de traslado de pacientes entre comunidades autónomas, a Xunta de Andalucía procederá a valorar a inciativa “en tempo e forma”.

Comentarios