sábado 25/09/21

A Axencia Europea do Medicamento adía o exame das vacinas de BioNTech e Moderna

As farmacéuticas na Fase 3 con resultados máis prometedores xa recibiron a compra por adiantado de máis de 10.000 millóns de doses de vacinas. Os habitantes dos países menos desenvolvidos poderían ter que agardar até 2024 para as recibir.
EuropaPress_3445318_filed_23_november_2020_england_oxford_an_undated_photo_shows_scientist
A vacina de AstraZeneca/Oxford tampouco será avaliada até 2021 (Foto: Sean Elias / dpa)

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) confirmou hoxe que as compañías farmacéuticas Moderna e BioNTech/Pfizer trasladaran os datos referentes aos seus respectivos proxectos de vacina da Covid-19 co fin de conseguir a autorización para a súa comercialización condicional.

Con toda a información xa no seu poder desde esta terza feira, agora reunirase para analizar a vacina de BioNTech/Pfizer o 29 de decembro, mentres que a discusión sobre a de Moderna está prevista para o 12 de xaneiro, segundo o publicado onte polo Financial Times. O tempo de exame até que a EMA se pronuncie non debería  superar os catro días.

Os documentos aos que tivo acceso o xornal sinalan que, no mellor dos casos, a data de avaliación orixinal para ambos os dous remedios era o 22 decembro. Polo tanto, de confirmarse a información, a análise de datos por parte da EMA adiaríase, como tamén se adiaría a distribución destas vacinas con respecto as datas previstas. Ademais, a vacina de AstraZeneca/Oxford tampouco será examinada até xaneiro.

Representantes dos Estados membros da UE estiveron a presionar a EMA para se aliñar coas axencias reguladoras dos EUA e do Reino Unido, que poderían autorizar a vacina de BioNTech/Pfizer xa esta mesma semana.

Porén, desde a EMA sostívose que daría a autorización cando visen "que os beneficios da vacina pesan máis que os riscos á hora de protexer contra a Covid-19".

Dobre velocidade mundial

Por outra banda, segundo as estimacións feitas polo Centro de Saúde Global da Universidade de Duke, nos Estados Unidos, os produtores de vacinas que mostraron resultados positivos durante a fase 3 poderían fabricar, entre todos eles, doses para un terzo da poboación mundial antes de finais de 2021. Porén, a maioría dos habitantes nos países con menos recursos económicos terían que agardar até 2023 ou 2024 para poder ser vacinados.

Recólleo esta semana a revista Nature: AstraZeneca/Oxford, BioNTech/Pfizer e Moderna "estiman unha capacidade de produción de 5.300 millóns de doses para 2021, que poderían cubrir entre 2.600 millóns e 3.100 millóns de persoas, dependendo se a vacina de AstraZeneca é administrada en dúas doses ou nunha e media". Ademais, a vacina de Gamaleya "podería cubrir outros 500 millóns de persoas por ano fóra de Rusia a partir de 2021". 

Non obstante, máis de 10.000 millóns de doses de vacinas contra a Covid xa foron mercadas por adiantado. Segundo o máis recente cálculo de Nacións Unidas, a poboación mundial actual é de 7.800 millóns de persoas.

comentarios