Adiado o xuízo á cooperante española acusada por Israel de financiar a FPLP

Foi detida en Cisxordania e inculpada por "captar fondos para unha organización terrorista".
hwc2
photo_camera Unha profesional sanitaria da ONG HWC atende unha familia no centro de saúde de Kufr Neimeh, na zona oeste de Ramallah (Foto: HWC)

O pasado 13 de abril, as forzas de seguridade israelís arrestaban na súa casa, perto de Belén, a Juana Ruiz, unha cidadá española residente en Cisxordania desde 1985. Cooperante da ONG Health Work Committees (HWC), foi acusada o 6 de maio tras case un mes detida, en condicións que levaron o Goberno español a facer unha reclamación pública. Os cargos: "captación de fondos e financiamento de organización terrorista". 

As autoridades israelís aseguran que Ruiz conseguiu mediante "fraude" e facilitou acceso a grandes sumas doadas desde Europa con destino á Fronte Popular de Liberación de Palestina (FPLP), organización política que o Goberno de Israel (e a UE) considera "terrorista"

É baixo estas leis antiterroristas que a activista foi arrestada, acusada e levada onte ante un tribunal militar para ser xulgada. Porén, o xuízo á responsábel da captación de fondos en Europa de HWC ─ONG que facilita servizos médicos en Palestina aos máis desfavorecidos─ foi adiado ao 1 de setembro.

Segundo declaracións da portavoz da familia, Begoña Lalana, recollidas pola axencia Europa Press, a defensa suscitou algunhas cuestións e solicitou acceso a novas probas, abrindo un novo prazo para se pronunciaren todas as partes.

Nunha entrevista publicada onte polo xornal español El País, o marido dela, o cidadán palestino Elías Rismawi, relataba que non foi até o pasado 4 de agosto que a puido visitar no cárcere grazas á mediación da Cruz Vermella. Relatoulle que pasara catro semanas en réxime de illamento na prisión de Ha Sharon, ao norte de Tel Aviv, e que tiña medo polo traslado para testificar onte ante o tribunal militar de Ofer, ao norte de Xerusalén, debido ás condicións "inhumanas" da viaxe. Ruiz, de 62 anos, nega todos os cargos. 

Porén o Shin Beit, o servizo de intelixencia interior israelí que levou a cabo a investigación, considera que a través de "proxectos ficticios" ou "documentos falsos" recadouse unha gran suma de diñeiro que foi usada para axudar as familias dos militantes da FPLP, para recrutar novos membros e para facer proselitismo en Gaza e nos territorios ocupados de Cisxordania e Xerusalén Leste, segundo un comunicado recollido por The Times of Israel.

Como parte deste operativo, ademais de Ruiz ─que no proceso figura co apelido do marido─ tamén foron detidos Tayseer Abu Sharbak, Said Abdat e Amro Hamouda, responsábeis ou exresponsábeis do departamento financeiro e de captación de fondos de HWC.

De acordo coa ONG sionista Monitor (dedicada a acabar coa promoción de "axendas políticas e ideolóxicas contrarias a Israel"), HWC recibiu de fondos de Gobernos europeos e da UE máis de 6,6 millóns de euros entre 2017 e 2020. Máis da metade (3,6 millóns) procedían exclusivamente de Suecia. 

Ataque armado de 2019

A FPLP é unha organización marxista-leninista que en setembro de 1970 se deu a coñecer internacionalmente tras levar a cabo o secuestro case simultáneo de varios avións de pasaxeiros procedentes de Europa e destino aos Estados Unidos. Forma parte da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), o principal movemento político-militar contra a ocupación e pola consecución do Estado palestino.

A FPLP foi acusada en agosto de 2019 dun ataque con bomba contra un asentamento de colonos xudeus en Cisxordania, no que faleceu unha adolescente de 17 anos. O Shin Bet asegurou que o grupo preparaba máis ataques deste tipo, e as forzas de seguridade israelís detiveron en decembro dese ano medio cento de militantes. 

O servizo de intelixencia israelí sostén que o diñeiro doado por Gobernos europeos a través de ONG como a de Juana Ruiz serve para financiar a actividade armada da FPLP.

Mais ONG de dereitos humanos, como a palestina de atención aos presos Adameer, consideran que Israel está a practicar unha "política de represión", que busca "desmantelar as organizacións da sociedade civil" en Palestina.

Onte, Elías Rismawi aseguraba que nin el nin Ruíz militan en ningún partido nin organización, "mais estamos en contra da ocupación, como todos os palestinos". "Se ese é o delito de Juana... Israel nunca terá prisións para todos. Aínda que xa vivimos nun gran cárcere", argumentaba. 

Comentarios