Aumentan a 69 os palestinos mortos polos ataques de Israel mentres a ONU segue desaparecida

As forzas israelís bombardearon na mañá da quinta feira a sede da policía e os edificios de seguridade en Gaza. As autoridades cifran en 69 o número de palestinos falecidos, incluídos 17 nenos, desde que comezaron os ataques.

Un ataque israelí en Gaza na noite da quinta feira (Imaxe: Mahmoud Khattab / Quds Net News Vi / DPA)
photo_camera Un ataque israelí en Gaza na noite da quinta feira (Imaxe: Mahmoud Khattab / Quds Net News Vi / DPA)

Os residentes palestinos da Franxa de Gaza espertaron na quinta feira para conmemoraren o Eid al-Fitr, unha das citas máis sagradas do calendario que marca a fin do mes de xaxún do Ramadán, en medio do bombardeo aéreo israelí, que lanzaron unha serie de ataques en varios puntos, entre eles, na sede da policía, nun banco de Hamas e nos edificios de seguridade.

O número de persoas falecidas en Gaza disparouse a 69 e o de feridas, a 390, segundo informa o Ministerio de Saúde. Un dos mortos é Bassem Issa, comandante de Hamas na cidade. No barrio de Tel al-Hawa, unha muller embarazada e o seu fillo faleceron nun ataque israelí contra a súa casa, ao igual que unha parella de anciáns do barrio de Sheik Zayed, que foi enterrada baixo os escombros da súa residencia.

Ademais, colonos israelís atacan cidadáns palestinos na Xerusalén ocupada. Sobre a Policía de Israel, acusada de atacar fogares palestinos, pesan acusacións de fomentar a violencia contra cidadanía de Palestina.

Hamas, grupo que goberna na Franxa de Gaza, lanzou unha vaga de foguetes contra Israel despois de que mísiles israelís destruíran unha terceira torre no territorio costeiro sitiado que alberga sedes de medios de comunicación, residencias e tendas. Fontes sionistas cifran en sete o número de israelís mortos.

Vídeos que circulan polas redes sociais na mañá da quinta feira amosan un grupo de homes uniformados, con porras, golpeando un home desarmado mentres irrompen na súa vivenda. Outros amosan varios homes tratando de defenderse dun grupo de israelís que os golpeaban mentres intentaban entrar na súa casa.

Por outra banda, a Media Lúa Vermella Palestina informa de enfrontamentos tamén en Cisxordania, onde resultaron feridos ducias de palestinos a mans das forzas israelís. Entre eles, once resultaron afectados por un incendio e dous deles atópanse en estado grave.

A ONU, desaparecida

O primeiro ministro da Autoridade Palestina, Mohamed Shtayyeh, criticou onte que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas non emitira unha declaración condenando Israel pola escalada de violencia. Unha declaración que sería novamente bloqueada polos EUA.

Precisamente, os EUA reiteraron na cuarta feira o seu apoio ao primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, así como "o seu dereito de defenderse" durante unha conversa telefónica co secretario de Estado, Antony Blinken.

Doutra banda, nun encontro entre o secretario da ONU, António Guterres, e o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, en Moscova, ambos mostraron o seu apoio a unha reunión do Cuarteto para Oriente Próximo, integrado polas Nacións Unidas, a Unión Europea (UE), Estados Unidos e Rusia.

Comentarios