Israel abate o comandante de Hamas para a capital de Gaza

Os bombardeos sobre a Faixa da Gaza continuaron durante toda a xornada. Segundo a canle de televisión 'Al Jazeera' houbo ataques a instalacións de grupos armados palestinos e tamén de forzas de seguridade.
EuropaPress_3703736_12_may_2021_palestinian_territories_gaza_city_palestinian_boy_with_his
photo_camera Un meniño, hoxe, ante a torre residencial e comercial Al Jawhara (Foto: Mohammed Talatene / dpa)

Os intensos bombardeos sobre a Faixa de Gaza continuaron na xornada de hoxe logo de varias operacións aéreas por parte do Exército de Israel sobre varias localidades do territorio costeiro, bloqueado desde hai anos, informaron axencias internacionais sobre o terreo e a canle de TV árabe Al Jazeera.

O Movemento de Resistencia Islámica (Hamas), a organización que goberna en Gaza, confirmou que, Bassem Issa o seu comandante na capital, Cidade de Gaza, fora abatido canda a outros 16 dirixentes durante un dos ataques aéreos israelís.

Segundo fontes locais citadas por Al Jazeera, os avións de combate israelís bombardearon instalacións pertencentes a diversos grupos armados palestinos, ademais dos edificios oficiais das forzas de seguridade de Gaza. Na capital, no barrio de Tel al-Hawa, unha muller embarazada e a súa crianza pereceron nun dos ataques israelís sobre a casa dela. 

O ministerio de Saúde de Gaza informou de que a cifra de falecidos desde que comezou a ofensiva israelí alcanzou os 56, incluíndo 14 menores. Ademais, arredor de outras 300 persoas resultaron feridas.

A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) condenou "nos termos máis firmes" a morte na terza feira de catro menores palestinos perto do campamento de Beit Hanun, no norte de Gaza, todos eles membros da mesma familia.

Tamén pereceron seis cidadáns israelís como consecuencia do lanzamento de foguetes desde o enclave costeiro por parte de Hamas e de Jihad Islámica. Segundo o Exército de Israel, serían arredor de 1.500 os proxectís disparados cara a varias zonas do territorio israelí. 

Segundo unha fonte palestina, os traballos diplomáticos de Exipto, Qatar e a ONU para a volta á calma non tiveron éxito.

Apoio de EUA a Israel

Estados Unidos designou esta cuarta feira un enviado especial para reunirse con ambas as partes. 

Porén, preguntado polos civís mortos en Gaza, o secretario de Estado do país norteamericano, Antony Blinken, considerou que existe unha "clara e absoluta distinción entre unha organización terrorista, Hamas, que está a lanzar foguetes indiscriminadamente e, de feito, apuntando contra civís" e Israel, que está a exercer o seu dereito a "defenderse de terroristas".

Comentarios