venres 18/06/21

Fayez Badawi: "Non queremos vivir como refuxiados palestinos pero tampouco morrer como cordeiros"

O representante en Europa da Fronte Popular para a Liberación de Palestina participou hoxe nunha nova conversa do ciclo 'Diálogos desde a periferia' promovido pola Fundación Galiza Sempre. Durante a súa intervención lamentou que existan comparacións entre "Israel e Palestina".
Un momento da charla organizada pola Fundación Galiza Sempre. (Foto: Nós Diario)
Badawi nun momento da charla organizada pola Fundación Galiza Sempre. (Foto: Nós Diario)

A situación de Israel e Palestina, en plena "Intifada", ten a súa complexidade mais o representante en Europa da Fronte Popular para a Liberación Palestina, Fayez Badawi, explicou de forma moi sinxela o por que da resistencia do seu pobo. "Non queremos vivir como refuxiados palestinos pero tampouco queremos morrer como cordeiros", afirmou, aludindo á súa incorporación ao movemento cando tiña 12 anos e a preferencia de moitas e moitos coma el de "morrer" antes que estar sometidos a Israel.

Nunha conversa co presidente da entidade promotora, Rubén Cela, no marco dunha nova sesión de 'Diálogos desde a periferia' -o ciclo organizado pola Fundación Galiza Sempre-, Badawi lamentou o tratamento que se fai en "Occidente" do conflito porque se compara aos dous bandos "cando eles son as vítimas e Israel o verdugo". "Israel é un estado terrorista", dixo moi afectado pola imaxe que se está a dar no resto do mundo.

Así preguntouse onde está a comunidade internacional para axudar ao tempo que respondeu que parecía "secuestrada polo califato".

Fronte a esa falta de apoio exterior, como sinalou, dixo estar moi "orgulloso" das e dos palestinos porque amosaron "unidade nacional para defender o patrimonio cultural". E tamén os seus dereitos, porque "van case 50 mortos, a maioría civís e entre eles dez crianzas".

"Israel está a bombardear edificios civís, está a asasinar civís para castigar ao pobo palestino", lamentou, acusando ao "réxime fascista" de empregar nesta loita "armamento prohibido" e mesmo "fósforo branco" (un axente incendiario que provoca queimaduras de gravidade).

Neste sentido, acusou a "Occidente" de ser "cómplice" do sucedido e do que segue a ocorrer. Así, rexeitou que se xustifiquen os ataques "por Hamas" porque estase a ver afectada toda Palestina.

De feito, denunciou que foi preciso montar un hospital de campaña en Xerusalén "porque Israel non deixa que os feridos cheguen aos hospitais". Por iso asegurou que ese estado "teme á resistencia".

comentarios