Israel fala do “golpe máis grande” a Hamas após os bombardeos que mataron 43 persoas en Gaza

A ONU pide evitar “unha guerra a gran escala”.

Gaza palestina Mohammed Talatene Dpa - Only For Use In Spain
photo_camera Rua bombardeada en Gaza (Foto: Mohammed Talatene Dpa)

O exército de Israel informa que nestes días os seus bombardeos na Franxa de Gaza atinxiron “obxectivos e operativos terroristas”, no que cualifica como “o golpe máis grande desde 2014” a Hamas. Naquel ano, os bombardeos mataran máis de 2.000 persoas e feriran 11.000. O “golpe” a Hamas destes días leva até agora 43 persoas mortas, 13 delas menores de idade.

Na madrugada desta cuarta feira lanzáronse un cento de proxectís desde a Franxa de Gaza contra Tel Aviv e o aeroporto Ben  Gurion, mentres as forzas israelís atacaban obxectivos no enclave: nestes días realizaron 500 bombardeos. 

O portavoz de  Hamás,  Hazem  Qasem, en declaracións a  Sputnik, celebrou a resposta dos palestinos que "se rebelaron contra a ocupación en  Lod,  Rahat,  Acre,  Umm ao  Fahm e outras cidades e localidades no territorio da Palestina ocupada". "Iso representa a solidariedade con Xerusalén, Gaza e Cisxordania que outra vez confirma a unidade do noso pobo e o feito de que Xerusalén é o problema nacional máis importante para cada un de nós", afirmou o portavoz.

"Os terroristas de Gaza están a disparar foguetes sen parar mentres os civís no centro e sur de Israel pasan a noite en refuxios para protexerse do lanzamento", aseveraron as forzas israelís a través do seu perfil de Twitter. Os ataques causaron a morte de dous israelís, entre elas unha menor, o que elevou as vítimas mortais en Israel desta escalada a cinco.

A ONU alerta de que  se avanzan cara a unha "guerra a gran escala" despois doutra noite de tensión en Oriente Próximo.

"Os líderes de todos os bandos teñen que asumir a responsabilidade dunha desescalada", sinalou  Tor  Wennesland, o enviado da ONU para Oriente Próximo a través da súa conta oficial en Twitter, nunha declaración que causou malestar no mundo árabe, e non só, pola súa equidistancia entre potencia ocupante e territorio ocupado.

Organizacións humanitarias denunciaron en reiteradas ocasións as “terríbeis consecuencias” das demolicións de edificios onde residen civís. Esta técnica xa foi usada polo exército de Israell nos seus ataques a Gaza de 2014, que agora están baixo investigación da Corte Penal Internacional por posíbeis crimes de guerra.

Charla de Galiza Sempre e Mar de Lumes

Fundación Galiza Sempre en colaboración con Mar de Lumes organizan un encontro virtual esta cuarta feira dentro do ciclo Diálogos desde a periferia con 𝐅𝐚𝐲𝐞𝐝 𝐁𝐚𝐝𝐚𝐰𝐢, portavoz para a Europa da FPLP (Fronte Popular para a Liberación de Palestina). Será ás 20 horas e poderá seguirse a través desta páxina de Facebook.

Comentarios