Case a metade das persoas de ascendencia africana sufriron racismo na UE

Alemaña e Austria están á cabeza da discriminación racial.
Protesta contra o racismo en Eire. (Foto: Niall Carson / PA Wire / dpa)
photo_camera Protesta contra o racismo en Eire. (Foto: Niall Carson / PA Wire / dpa)

A Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea trasladou hoxe que 45% das persoas de ascendencia africana no bloque comunitario sufriron racismo, nun estudo que abordou a situación en 13 Estados membros, e que amosa o aumento da discriminación racial con relación a 2016, cando a entidade fixouno en 39%.

No documento apúntase cara a Alemaña e Austria como os países nos que as persoas de ascendencia africana foron obxecto de máis comportamentos racistas, con até 70% das persoas que participaron na enquisa.

O organismo tamén explica que as mulleres novas, as persoas con educación superior e as que usan roupa asociada coa relixión son as que padecen maior discriminación, sobre todo á hora de buscar traballo ou vivenda.

Risco de pobreza

Ao tempo, “é máis probábel que teñan contratos temporais e que estean sobrecualificadas” en comparación co resto da poboación, amais de ter un maior risco de pobreza. Até un terzo das persoas entrevistadas sinalaron que teñen dificultades para afrontar os gastos cotiás, e 14% non conta con recursos económicos para usar a calefacción.

Michael O'Flaherty, director da Axencia, considerou “chocante” que “non houbera melloría desde a nosa última enquisa”, e fixo énfase en que “as persoas de ascendencia africana enfrontan cada vez máis discriminación só por causa da cor da pel”.

Estado español

Xa no Estado español, 37% destas persoas denunciaron ter padecido discriminación racial e 48% dificultades económicas. Asemade, 52% subliñaron que foron sometidas a controis por parte das forzas de seguridade pola súa ascendencia.

Comentarios