A Xustiza lusa condena Mamadou Ba por "difamación" dun neonazi

A sentenza será recorrida polo activista.
O activista antirracista Mamadou Ba nunha conferencia en 2021. (Foto: Front Line Defenders)
photo_camera O activista antirracista Mamadou Ba nunha conferencia en 2021. (Foto: Front Line Defenders)

Joana Ferrer, maxistrada no Campus da Justiça de Lisboa, a capital portuguesa, condenou hoxe o activista antirracista Mamadou Ba a pagar unha multa de 2.400 euros ao consideralo culpábel de difamación contra Mário Machado, fundador de distintos movementos de extrema dereita lusos.

Ba sostivo nas redes sociais que Machado foi “unha das figuras principais do asasinato de Alcindo Monteiro”, que faleceu en 1995 nunha vaga de ataques racistas dun grupo de neonazis en Lisboa.

O denunciante foi condenado a catro anos de cárcere por agresión pola súa participación nos feitos, amais de sentenciado noutras causas por discriminación racial, difamación, secuestro, extorsión e tenencia de armas ilícitas. Á vez, chegou a difundir vídeos escenificando como asasinaba Ba.

A Fiscalía apoiou que Ba —que anunciou que recorrerá— fora condenado, no marco do aumento dos discursos de odio no país, en moitas ocasións dirixidos contra el mesmo, que liderou a entidade SOS Racismo e recibiu o galardón Front Line Defenders para defensores dos dereitos humanos en risco. 

Comentarios