Confirman cinco mortes polas inundacións no sur de Ucraína

A terza feira foi destruído un encoro en Khersón provocando unha inundación que xa anegou arredor de 600 km cadrados.
Equipo de rescate en Khersón. (Foto: Ukranian Presidency / Dpa)
photo_camera Equipo de rescate en Khersón. (Foto: Ukranian Presidency / Dpa)

Vladimir Leontiev, alcalde de Nova Kakhovka, a vila máis perto do encoro que foi destruído a pasada terza feira sen que fique claro a autoría dos feitos, ratificou a quinta feira que cinco das sete persoas que estaban consideradas desaparecidas faleceron durante a inundación posterior á ruptura da presa.

Amais, Rusia e Ucraína volveron denunciar ataques da outra parte contra os equipos de emerxencia e as operacións de rescate, que provocaron dúas mortes no leste do río Dniéper, controlado por Rusia, e unha no oeste, dominado polas Forzas Armadas ucraínas.

Pola súa parte, as autoridades ucraínas sinalaron que as inundacións afectaron máis de 600 km cadrados, cun nivel de auga máis de cinco metros e medio por riba das cifras usuais. Nese sentido, o Ministerio de Agricultura de Kíiv alertou da perda de millóns de toneladas de cultivos polo torrente de auga, así como polo corte da subministración de sistemas de rego que captaban a auga no encoro.

A auga tamén arrastrou os campos de minas instalados por ambos os dous Exércitos, creando un grave perigo para a poboación civil nas vindeiras décadas, incidiu o Comité Internacional da Cruz Vermella.

No que atinxe á contraofensiva ucraína, cuxo comezo Kíiv negou, Londres divulgou que as súas tropas “manteñen a iniciativa na maioría das áreas” da fronte, á vez, Moscova trasladou que freou un intento de romper as liñas rusas en Zaporijia. En todo caso, medios especializados indican que apenas se produciron ganancias territoriais nas últimas xornadas, con reportes do uso dos tanques occidentais entregados a Ucraína.

Iniciativas de paz

Ao respecto das iniciativas de paz para pór fin á guerra, o Executivo de Suráfrica -que impulsa unha misión de paz con outros países do continente- propuxo acoller as hipotéticas conversas entre Rusia e Ucraína. Nas vindeiras semanas, líderes africanos viaxarán aos dous países para presentar a súa proposta.

Tamén abordou o potencial final do conflito o ex secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte, Anders Rasmussen, que agora se desempeña como asesor do presidente ucraíno Volodimir Zelenski.

Rasmussen adiantou que de non haber avances na cimeira da alianza militar en xullo que decorrerá en Lituania á hora de ofrecer garantías de seguridade a Ucraína varios países membros poderían estar dispostos a aceptar a despregadura das súas propias tropas no territorio ucraíno.

Comentarios