Após décadas de tardanza a lei da eutanasia está máis perto, co PP e Vox á ofensiva

O Congreso aprobou a Lei Orgánica para a Regulación da Eutanasia cos votos en contra do PP e Vox. O texto contou co apoio de 56% da Cámara e agora vai ao Senado. Néstor Rego, deputado do BNG, lembrou a loita do galego Ramón Sampedro, pioneiro na reivindicación deste dereito

O Congreso votou a lei que regula a eutanasia, que se dirixe ao Senado para facerse realidade (Imaxe: E. Parra / Europa Press)
photo_camera O Congreso votou a lei que regula a eutanasia, que se dirixe ao Senado para facerse realidade (Foto: E. Parra / Europa Press)

A Cámara Baixa deu luz verde á Lei Orgánica para a Regulación da Eutanasia, cos votos en contra do PP, a navarra UPN e Vox. O texto contou co apoio de 56% da Cámara (198 votos a favor, 138 en contra e dúas abstencións) e agora continuará a súa tramitación no Senado.

De a lei saír finalmente avante, a eutanasia poderá levarse a cabo a pacientes que a soliciten e que se atopen nun contexto de "padecemento grave, crónico e imposibilitante ou enfermidade grave e incurábel, causantes dun sufrimento intolerábel".

Esta persoa solicitante deberá ter a nacionalidade española ou residencia legal ou certificado de empadroamento que acredite un tempo de permanencia en territorio estatal superior a 12 meses; ter maioría de idade e "ser capaz e consciente no momento da solicitude".

A lei indica que de o paciente estar consciente, deberá solicitar a eutanasia dúas veces por escrito (ou por outro medio que deixe constancia se non pode escribir) en dous documentos separados por 15 días, facendo patente que non é "resultado de ningunha presión externa".

Obxección de conciencia

Despois da primeira solicitude, a médica ou médico responsábel informará a persoa solicitante sobre o seu diagnóstico, posibilidades terapéuticas e resultados esperábeis, así como dos posíbeis coidados paliativos existentes, asegurándose de que comprende a información que facilita. Logo, o paciente deberá confirmar a súa intención. Aínda así, despois da segunda solicitude debe haber unha nova reunión entre ambos.

Será este médica ou médico quen autorizará o proceso, após pedir a opinión dun facultativo formado no "ámbito das patoloxías que padece o paciente" pero que non sexa do seu "mesmo equipo médico". 

Ademais, a comisión de avaliación autonómica (cuxa formación está especificada tamén na norma) deberá elixir dúas persoas expertas (unha delas xurista) que avalíen o caso. Ambas as expertas deben estar de acordo na súa decisión, se non, será o pleno da comisión quen a tome.
Pilar Vallugera, deputada de ERC, advertiu de que o control desta comisión vai supor un "calvario" para quen solicite a prestación de axuda a morrer.

Aliás, o texto recolle que as e os profesionais sanitarios "poderán exercer o dereito á obxección de conciencia", un reparo que "deberá manifestarse anticipadamente e por escrito". 

A loita de Sampedro na Galiza dos 90 ve a luz

"Hoxe damos un paso decisivo que se fixo esperar demasiado tempo provocando un sufrimento innecesario", dixo onte o deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego, desde o atril do Congreso para recordar que "foi na Galiza onde se deu unha gran batalla por este dereito por parte de Ramón Sampedro, o primeiro caso que chegou ao Tribunal Supremo". Mais Rego tamén recordou que "as persoas valentes que o axudaron a pór fin á súa vida en 1998 foron perseguidas xudicialmente".

Durante o trámite da lei, o BNG presentou emendas para evitar que os requirimentos para garantir que se trate dunha decisión libre e consciente non imposibiliten na práctica exercer o dereito. Así mesmo, pediron "que ningún organismo teña a ultima palabra sobre se a persoa reúne ou non condicións, xa que entendemos que se trata dun dereito persoal e intransferíbel", dixo Rego.

Así mesmo o nacionalista tamén presentou emendas para que a eutanasia se realice na sanidade pública e que ningún profesional se poida negar a facilitala alegando obxección de conciencia.

A dereita española oponse  

A ex ministra de Sanidade e deputada do PSOE, María Luisa  Carcedo, impulsora da iniciativa, reprochou que "a dereita sempre encerelle" en batallas apocalípticas" durante a tramitación deste tipo de leis e, "pasado un tempo asuma" estes avances e "pasado outro tempo os practique". 

O representante do PP, Ignacio Echániz, acusou o PSOE de aprobar esta norma "frívola" en lugar de optar pola "alternativa" dos coidados paliativos que, segundo el, "encaixa no sentir maioritario dos españois".  Echániz chegou a cualificar a lei de "derrota" e "fracaso" do "sistema sanitario" e da "sociedade".

 A deputada de Vox, Lourdes Monasterio, afirmou que a lei "quebranta o dereito á vida" e anunciou que a formación ultraespañolista recorrerá no Tribunal Constitucional.

Comentarios