Alerta climática: se a poboación mundial consumise recursos ao ritmo da UE e a OCDE precisaríanse 3,3 planetas

Unicef publica un informe sobre a creación de contornas saudábeis para a infancia nos países da UE e mais da OCDE, que malia representar só 18% da poboación global consomen máis da metade dos recursos do planeta. Aliás, se todo o mundo consumise ao ritmo do Estado español precisaríanse 2,5 Terras.
Manifestación ecoloxista na cidade alemá de Kiel. (Foto: Carsten Rehder / DPA)
photo_camera Manifestación ecoloxista na cidade alemá de Kiel. (Foto: Carsten Rehder / DPA)

Se todos os habitantes da Terra consumisen os recursos ao mesmo ritmo ao que o fan actualmente os 27 estados membro da Unión Europea (UE) e mais os 38 que integran a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) —20 deles adheridos tamén á UE—, precisaríanse 3,3 planetas para manter eses niveis de consumo.

Isto a pesar de que UE e OCDE abranguen perto de 1.400 millóns de habitantes dos máis de 7.700 millóns que hai actualmente no mundo (18,1%). Polo tanto, 18% da poboación está a consumir actualmente perto de 60% dos recursos da Terra.

Esa é a advertencia que lanzou Unicef esta terza feira, a través do informe Report Card 17: Lugares e Espazos, que compara a situación destes países en relación coa creación de contornas saudábeis para a infancia. Así, analiza indicadores como a exposición a contaminantes nocivos, o ar tóxico, os praguicidas, a humidade, o acceso á luz, os espazos verdes, as estradas seguras, o consumo de recursos, a vertedura de residuos electrónicos e as súas achegas á crise climática.

Lideran a clasificación o Estado español, Portugal e Irlanda, se ben, advirte Unicef, "ningún país da OCDE ou da UE logra proporcionar este tipo de contornas para todas as nenas e nenos en todos os indicadores". No extremo oposto, os Estados Unidos, Costa Rica e Romanía son os que, dentro desta relación de países, ofrecen un menor nivel de benestar infantil no que atinxe ao eido ambiental.

De feito, se serían precisos, como se citou anteriormente, 3,3 planetas para universalizar o nivel de consumo dos países da UE e da OCDE, farían falla até 5 para seguir o ritmo só dos Estados Unidos, Canadá e Luxemburgo, que suman arredor de 371 millóns de habitantes (menos de 5% da poboación global). No caso de marcar o Estado español o ritmo de consumo na Terra, precisaríanse 2,5 planetas.

"A meirande parte dos países ricos non só non están a proporcionar contornas saudábeis para as crianzas dentro das súas fronteiras, senón que tamén contribúen á destrución das contornas da infancia noutras partes do mundo", apuntou Gunilla Olsson, directora da Oficina de Investigación Innocenti de Unicef.

Consecuencias para a saúde

Os altos niveis de polución nos países estudados provocan graves consecuencias para as persoas máis novas. Así, o informe constata que até 20 millóns de nenos e nenas residentes na UE ou nun estado membro da OCDE presentan "elevados niveis" de chumbo en sangue.

A contaminación do ar ten tamén un efecto altamente nocivo sobre a saúde. Unicef advirte que "moitas crianzas respiran ar tóxico tanto fóra como dentro das súas casas", o que leva en países como Colombia ou México a perder, de media, até 3,7 anos de esperanza de vida. No Estado español e Portugal serían pouco máis de dous meses.

No que atinxe á pobreza enerxética, os datos da entidade reflicten que unha de cada cinco (21,5%) vivendas con crianzas en situación de pobreza ten no Estado español moitas dificultades para manter quente o fogar, un rexistro que fica en 7,7% no conxunto dos fogares do Estado, un dos peores rexistros da UE, só por diante de Romanía, Italia, Portugal, Grecia, Lituania, Chipre e Bulgaria.

Comentarios