O cambio climático bateu novas marcas en 2021, con temperaturas de até 54,4 graos centígrados

O 'Corno' de África afronta unha seca de duración non experimentada nas últimas catro décadas, advirte a ONU.
O sur de Omo, en Etiopía, é unha das zonas máis afectadas pola seca. (Foto: Europa Press)
photo_camera O sur de Omo, en Etiopía, é unha das zonas máis afectadas pola seca. (Foto: Europa Press)
  1. Temperatura global
  2. Vagas de calor
  3. Nivel do mar
  4. Seca

O cambio climático bateu marcas en 2021 "por terra, mar e ar". Esa foi a advertencia que esta cuarta feira fixo a ONU na presentación do Informe sobre o Estado do Clima Mundial 2021, elaborado por persoal científico de todo o planeta.

Esas "novas marcas" son para as persoas expertas "un claro sinal de que as actividades humanas están a causar mudanzas a escala planetaria na terra, os océanos e a atmosfera, e danando a longo prazo os ecosistemas e o desenvolvemento sostíbel".

O secretario xeral da de Nacións Unidas, António Guterres, dixo que o informe é "unha sombría confirmación do fracaso da humanidade para afrontar os trastornos climáticos".

Porén, apuntou tamén que os seus resultados son unha "chamada á acción" para recoller a "froita madura" que é a "transformación dos sistemas enerxéticos" para abandonar os combustíbeis fósiles.

Temperatura global

2021 non rexistrou a maior temperatura global, mais si ficou entre os sete anos máis cálidos, 1,11 graos centígrados por riba do nivel preindustrial (1850-1900).

Vagas de calor

O documento rexistra tamén "numerosas" vagas de calor ao longo do pasado ano que bateron marcas, como as que se produciron en California (Estados Unidos; 54,4º), Siracusa (Italia; 48,8º) ou Columbia Británica (Canadá; 49,6º). O de California é o valor máis alto rexistrado desde, cando menos, a década de 1930.

Por mor das temperaturas extremas faleceron en todo o planeta máis de 500 persoas. Aliás, o calor "alimentou devastadores incendios forestais que, á súa vez, agravaron os efectos das inundacións de novembro".

Nivel do mar

O nivel medio do mar alcanzou en 2021 un novo récord, "tras aumentar unha media de 4,5 milímetros anuais no período 2013-2021". Isto é "máis do dobre que entre 1993 e 2002" e "aumenta a vulnerabilidade aos ciclóns tropicais", advirte a ONU.

Seca

A seca intensificouse especialmente no 'Corno' de África, que se enfronta á "posibilidade moi real" de que as choivas fracasen "por cuarta tempada consecutiva".

De ser así, alerta Nacións Unidas, Etiopía, Kenia e Somalia padecerían "unha seca dunha duración non experimentada nos últimos 40 anos".

Comentarios