O alcalde de Donetsk denuncia os peores bombardeos desde 2014

A ONU sostén que Rusia cometeu crimes de guerra nos primeiros días da invasión, ao tempo, Ucraína ataca o centro da cidade de Donetsk nos ataques máis importantes desde hai oito anos.
Casa destruída en Kíiv. (Foto: Ukrinform / dpa)
photo_camera Casa destruída en Kíiv. (Foto: Ukrinform / dpa)

“Os fascistas ucraínos cometeron outro crime de guerra. Exactamente ás 7 da mañá de hoxe [por onte] someteron o centro de Donetsk ao ataque máis masivo desde 2014”, informou a quinta feira Alexei Kulemzin, alcalde da cidade que exerce como capital da rexión do mesmo nome, incorporada a Rusia en setembro.

Os arredor de 40 mísiles impactaron en edificios residenciais, centros sanitarios, gardarías e unha catedral, explicou. Até o de agora foi confirmada a morte dunha persoa polos bombardeos, e feridas en outras nove, entre elas unha crianza de 10 anos.

Así e todo, salientou que as cifras poden aumentar ao ficar varias persoas atrapadas baixo os cascallos dun dos edificios afectados. Kulezmin fixo un chamamento á poboación para que “intente non saír á rúa a menos que sexa absolutamente necesario, teñan coidado, cóidense a si propios e as súas familias”.

Pola parte ucraína, Kyrylo Tymoshenko, xefe adxunto da oficina do presidente, comunicou que ataques rusos contra a urbe de Khersón deixaron a cidade sen enerxía e provocaron dúas mortes.

441 civís executados

O Alto comisionado da Organización das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Volker Türk, fixo público un informe que sostén que 441 civís foron executados polas tropas rusas entre o 24 de febreiro e o 6 de abril, indicando que contan con indicios de que “poderían constituír asasinatos deliberados, un crime de guerra”.

O documento concéntrase nas rexións de Kíiv, Chernikov e Sumi. Türk incidiu en que foron reportados casos nos que “a vítima amosou claramente que non supoñía unha ameaza, por exemplo alzando as súas mans”, e apuntou que a invasión rusa deixou 18 millóns de persoas con necesidades urxentes de axuda humanitaria.

Ademais, o Parlamento da Unión Europea (UE) deu luz verde a unha resolución que considera “xenocidio” o holomodor, a fame que provocou 1,5 millóns de mortes a comezos da década de 1930 en Ucraína, e que tamén afectou a outras repúblicas soviéticas. Moscova considérao un intento de reescribir a historia con intencionalidade política, posto que non hai consenso entre os expertos.

Ao tempo, os Estados membros da UE non chegaron a un acordo para impulsar un noveno paquete de sancións a Rusia por mor da guerra de Ucraína, freado por Polonia e Lituania, que se negan a relaxar as medidas que obstaculizan a exportación de fertilizantes rusos, despois de que o bloque afirmara en múltiples ocasións que as sancións non incidían na crise alimentar no planeta.

Comentarios