venres 25/06/21

Aires de austeridade na UE poscovid-19

A UE afrontou a crise económica provocada pola pandemia de maneira oposta a como o fixo durante a Gran Recesión. Permitindo a inxección de diñeiro público, evitouse que o sistema social e económico dos Estados colapsase. Porén, Bruxelas dá a entender que os tempos de apertar o cinto irán asomando a cabeza xa en 2022.
schauble_varoufakis
Wolfgang Schäuble, ministro de Finanzas alemán, canda o seu homólogo grego, Yanis Varoufakis, tras unha reunión en 2015. (Foto: Europa Press)

Os países cunha débeda alta como Italia "deberían limitar o crecemento no gasto, porque unha cousa é que o gasto público se use para os gastos correntes, e outra que sexa utilizado para investir en investigación, en educación e en infraestruturas públicas". En definitiva, que a economía italiana continúa a sufrir de "inestabilidades macroeconómicas excesivas" debido á alta débeda, á baixa produtividade e aos créditos dubidosos (préstamos con risco de impagamento ou Non Performing Loans, NPL, as siglas en inglés polas que son coñecidos na UE).

Así o considera a Comisión Europea, que se manifestou desta maneira a través do comisario de Economía, o italiano Paolo Gentiloni, na presentación do Paquete de Primavera do Semestre Europeo, a batería de informes, análises e recomendacións sobre as economías dos Estados da UE. 

En principio, o Pacto de Estabilidade e Crecemento non regresará até 2023, mais a advertencia por parte de Bruxelas semella clara ─especialmente para Italia, Chipre e Grecia, mais tamén para España e outros membros do bloque comunitario con problemas de débeda pública─: cómpre apertar o cinto a partir de 2022. 

Inxección pública

Problemas, estruturais, que se poderían agravar así se retiren as medidas de apoio pospandemia, considera a Comisión. A emerxencia sanitaria trouxo consigo unha excepción inédita no marco da austeridade que preconiza Bruxelas, eximindo os Estados de cumprir as normas fiscais reguladas polo Pacto de Estabilidade e Crecemento. 

Desta maneira permitiuse a inxección de diñeiro público para paliar os estragos da Covid sen ter en conta os límites de déficit, 3%, ou débeda, 60% sobre o Produto Interior Bruto (PIB). Mais a bula chega ao seu fin.

Neste sentido, Gentiloni afirmou que "a suspensión das regras non significa que non se deba prestar atención a evitar a acumulación de maior gasto corrente", especialmente se "pode constituír unha carga permanente". Así, a recomendación é que en 2022 os Gobernos máis endebedados "deberían usar os Fondos de Recuperación para financiar investimentos adicionais que apoien a recuperación, ao tempo que se levan a cabo políticas fiscais prudentes". 

Gentolini, que estivo acompañado polo vicepresidente económico da Comisión, Valdis Dombrovskis, e polo comisario de Emprego, Nicolas Schmit, afirmou ─como estes dous─ que, non obstante, se debe "evitar unha retirada prematura dos estímulos económicos".

Keynes morreu

Soprando os mesmos aires de austeridade, regresou un vello coñecido da política económica da UE: Wolfgang Schäuble, ministro de Finanzas de Alemaña (2009-2017) durante a Gran Recesión, iniciada en 2008, e a crise do euro da década pasada. 

Schäuble, símbolo da austeridade que defendeu e impuxo o Goberno xermano causando drásticos recortes sociais en países como Grecia, sorprendeu a propios e estraños cando na primavera de 2020 se pronunciou a favor dos fondos europeos para a reactivación económica da UE.

Mais o vello Schäuble está de volta. Nunha columna de opinión publicada no Financial Times, o agora presidente do Bundestag ─o Parlamento federal alemán─ defende a necesidade de "regresar á normalidade monetaria e fiscal". 

"A carga da débeda pública debe ser reducida. Se non, existe o risco de que a pandemia da Covid-19 veña seguida dunha 'pandemia da débeda', con consecuencias económicas nefastas para Europa", escribe.

Schäuble comeza o seu escrito coa célebre cita de John Maynard Keynes: "No longo prazo, estamos todos mortos". Durante a Gran Depresión da década de 1930, o economista inglés defendeu a intervención do Goberno para estabilizar a economía e non agardar a que estas se "autocorrixise" co tempo tal e como defendían os políticos e economistas da época. 

O alemán ampárase nesta "intervención económica de curto prazo" para defender a postura que adoptou en 2020, "para sorpresa dalgunha xente".

Medidas correctivas

Mais asegura que tanto antes como agora o seu obxectivo foi e é a "sustentabilidade". "Tomar prestado en tempos de crise para estabilizar a economía fai sentido, sempre e cando a cuestión do reembolso non se esqueza", defende. 

E sostén que a UE terá problemas para competir cos EUA e coa China "se consente que unha débeda excesiva poña en perigo a súa flexibilidade financeira [a capacidade de adaptación ás circunstancias externas]".

Ademais, Schäuble avoga por medidas correctivas: "A experiencia mostra que o equilibrio orzamentario en países con altos niveis de débeda fai que sexan case imposíbeis de persuadir sen presión externa". 

"Suxeitos aos seus propios mecanismos, os membros dunha confederación de Estados tenden a sucumbir á tentación de incorrer en débeda a expensas da comunidade", engade.

A Comisión Europea recoñeceu que a imposición, demasiado axiña tras a crise de 2008, das regras de gasto e das medidas de austeridade danou as sociedades e as vidas dos cidadáns da UE. Que provocou unha "dobre recesión", nas palabras de Gentolini. 

Polo tanto, o regreso da austeridade non será inmediato, mais comezan a soprar de novo desde Bruxelas ─e desde Berlín─ os ventos da austeridade. 

comentarios