O 'si' á adhesión a Rusia gaña por esmagadora maioría, segundo as autoridades rexionais

Donetsk, Luhansk, Zaporiyia e Kherson votan a favor de integrarse na Federación Rusa en senllos referendos que Ucraína, a UE e os países da OTAN non recoñecen.
Papeletas electorais que se utilizaron nos referendos. (Foto: Bruno Amaral de Carvalho)
photo_camera Papeletas electorais que se utilizaron nos referendos. (Foto: Bruno Amaral de Carvalho)

As autoridades electorais rusas confirmaron na tarde desta terza feira que os referendos de adhesión decorridos en Donetsk, Luhansk, Zaporiyia e Kherson finalizaron cuns resultados que obtiveron, en todos os casos, unha esmagadora maioría a favor da adhesión á Federación Rusa.

Co escrutinio xa culminado, a república de Donetsk foi o territorio onde o 'si' obtivo un maior apoio popular, con 98,7% de apoios recibidos. Polo seu lado, en Luhansk, a opción a favor da adhesión obtivo 97,9% de votos favorábeis.

Nas rexións de Zaporiyia e Kherson, o 'si' a separarse de Ucraína e unirse posteriormente a Rusia tamén gañou con 93,1% e 87,1% de apoio respectivamente.

O primeiro dirixente en se pronunciar sobre os resultados foi o presidente da república de Luhansk, Leonid Pasechnik, quen dixo que "o referendo puido levarse a cabo a pesar de que os nosos opositores fixeron todo o posíbel para non fose así con intimidacións e ameazas de todo tipo".

Ameazas de prisión por parte de Ucraína

O asesor presidencial do Executivo ucraíno, Mikhailo Podolyak, anunciou na terza feira que aquelas persoas que colaborasen nos referendos de anexión a Rusia no Donbass e nas rexións de Zaporiyia e Kherson "estarían cometendo delitos de traizón e enfrontaranse a, polo menos, cinco anos de prisión".

"Temos listas de nomes de persoas que estiveron involucradas dalgunha maneira, estas persoas serán procesadas por traizón", asegurou Podolyak cando as votacións nos referendos de adhesión entraban no seu último día.

Ucraína, a OTAN e a UE xa anunciaran que non recoñecerían o resultado dos referendos e chamaron ao resto de Estados europeos a tampouco o faceren. Tamén a subsecretaria da ONU para Asuntos Políticos, Rosemary DiCarlo, afirmou esta terza feira que os referendos "non poden considerarse unha expresión xenuina da vontade popular".

Comentarios