Inician os referendos de adhesión a Rusia

Ucraína e a OTAN anunciaron que non recoñecerán o resultado das votacións
As comisións electorais acoden ás vivendas da poboación para que esta vote sen saír á rúa após os bombardeos desta semana en Donetsk (Foto: Bruno Amaral de Carvalho).
photo_camera As comisións electorais acoden ás vivendas da poboación para que esta vote sen saír á rúa após os bombardeos desta semana en Donetsk (Foto: Bruno Amaral de Carvalho).

Donetsk, Luhansk, Kherson e Zaporiyia viviron no día de onte o inicio do que serán un total de cinco días de votación nos referendos de adhesión á Federación Rusa -convocados a pasada terza feira-. Este comicios enmárcanse nun contexto de tensión ante posíbeis novos ataques, especialmente despois dos bombardeos de antonte por parte das tropas ucraínas á cidade de Donetsk que deixaron sete civís mortos. 

A votación deu comezo ás 8 horas e estendeuse até as 16 (ambas horas locais), algo que acontecerá nos seguintes catro días de referendo. Do mesmo modo, o Goberno ruso abriu tamén colexios electorais no seu territorio para que as persoas refuxiadas poidan votar. 

As autoridades locais en Kherson apuntaron á aperturas das urnas, que esperan que perto de 750.000 persoas acudan votar mentres que en Zaporiyia o censo electoral é de 500.000 persoas. En Donetsk e Luhansk revélase máis difícil estimar o número de persoas que tomarán parte na votación. 

Vladimir Putin, presidente da Federación Rusa, sinalou onte a respecto do inicio do referendo que apoiará "a decisión sobre o futuro, que será adoptada pola maioría dos residentes das repúblicas populares de Donetsk e Luhansk e as rexións de Zaporiyia e Kherson". 

Pola súa parte, o Goberno ucraíno reafirmou que non recoñecerá o resultado desta consulta, algo que se oficializou coa aprobación da coñecida como 'declaración de inadmisabilidade' no Parlamento ucraíno. Nunha liña parecida pronunciouse a OTAN que, a través dun comunicado, anunciou que o referendo "carece de lexitimidade" ao tempo que fixo un chamamento a todos os Estados membro a non recoñeceren tampouco o resultado da consulta.

Desenvolvemento das votacións

Cada territorio está a organizar de diferente maneira a votación. Así, no Donbás -rexión que comprende as repúblicas de Donetsk e Luhansk- as comisións electorais están desprazándose ás vivendas da poboación civil para que esta vote sen saír das súas moradas, logo dos bombardeos do exército ucraíno desta semana en Dontsk. Pola súa parte, en Kherson e Zaporiyia, si que hai colexios electorais abertos para exercer o dereito ao sufraxio.

Así o confirmou onte o corresponsal de Nós Diario no Donbás en declaracións exclusivas a este xornal, Bruno Amaral de Carvalho. "Em Kherson si que vi que as pessoas estão a fazer filas para votar e há lugares específicos para votar, como acontece em Portugal ou na Galiza. Mas em Donetsk, como é moi perigoso e as autoridades têm receio dos bombardeamentos ucranianos, os primeiros días as votações vão ser casa por casa com uma comitiva eleitoral", explica Carvalho.

Sobre se os referendos poderán decorrer con certa normalidade e sen maiores incidentes, Carvalho asegura que "é verdade que há um histórico de atentados nestes territórios e pode haver algum ataque durante as votações, ademais há muita gente com medo de sair de casa, como é evidente".

Adhesión

Carvalho indica que "no Donbass é muito provável que a vitória seja a anexão, mas quase ninguém vai reconhecer os resultados na comunidade internacional e também não podemos saber quantas pessoas é que vão votar finalemnte nos referendos, pelo que é difícil sabermos que é que vai acontecer nestes próximos dias".

A papeleta de cada territorio formula preguntas diferentes

Papeletas electorais que se están a utilizar nos referendos. (Foto: Bruno Amaral de Carvalho).
Papeletas electorais que se están a utilizar nos referendos. (Foto: Bruno Amaral de Carvalho).

As papeletas electorais que se están a utilizar nos referendos de adhesión varían en cada territorio. En Donetsk a pregunta é a seguinte: "Apoia vostede a adhesión da RPD [Donetsk] a Rusia como suxeito da Federación Rusa?" En Luhansk, pola súa parte pregúntase "Está vostede a favor de que a RPL [Luhansk] se converta nun suxeito da Federación Rusa?". Nas rexións de Kherson e Zaporiyia hai dúas preguntas, primeiro unha sobre a separación de Ucraína e outra sobre a adhesión a Rusia.

Comentarios