Acción Democrática pide pospor as primarias da oposición venezolana por "graves irregularidades" no proceso

As persoas simpatizantes das principais forzas políticas da oposición venezolana están chamadas a votar este domingo.
En 2024 terán lugar unhas eleccións presidenciais en Venezuela (Foto: Nós Diario).
photo_camera En 2024 terán lugar unhas eleccións presidenciais en Venezuela (Foto: Nós Diario).

As persoas simpatizantes das principais forzas políticas da oposición venezolana están chamadas a votar este domingo nunhas eleccións primarias para buscar un candidato común.

A persoa que resulte elixida está chamada a liderar unha candidatura de cara ás próximas eleccións presidenciais de 2024. Porén, este proceso fica marcado polas disputas no proceso entre as principais candidaturas.

Neste contexto, Acción Democrática, unha das forzas da oposición venezolana, pediu que se pospoñan as eleccións primarias que decorrerán este domingo ante o que consideran “graves irregularidades”.

“A relocalización dos centros electorais, incluso nas últimas horas, agrava o descoñecemento da situación dos centros de votación por parte dos electores e pon en risco a participación ampla dos sectores do país este domingo”, denunciou a organización nun comunicado.

Ademais, Acción Democrática denunciou “a asignación desproporcionada de membros a favor dunha tendencia en particular”, xa que aseguran que a outra das forzas opositoras, Vente Venezuela, asignáronlle 14.941 membros e a eles 6.998.

“Mais, peor aínda, os membros e testemuñas da mesa seguen sen ser acreditados. Na maioría do estados do país non se efectuou a distribución de material electoral e a Comisión de Primarias asegurou que a repartición darase o propio domingo pola mañá, o que imposibilita a súa distribución efectiva para realizar o proceso ese mesmo día”, engadiu.

Por todas estas razóns, aseguraron que “levar a cabo as primarias de forma autoxestionada representa un desafío de grandes dimensións” e solicitaron á Comisión de Primarias “tomar responsabilidade” e pospor as eleccións até que se dean “os correctivos necesarios para poder garantirlle aos venezolanos un proceso verdadeiramente amplo, organizado e transparente onde a vontade da maioría sexa respectada por todos”.

Comentarios