sábado 18.01.2020
Revoltas cidadás

Os abusos policiais en América Latina comezan a pagar a súa factura política

A fiscalía xeral de Colombia inicia unha investigación pola actuación dos antidisturbios, e o Senado de Chile inhabilitou o ex ministro do Interior. Ademais, a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos acusa o Goberno interino de Bolivia de "masacres".
Manifestantes nunha das mobilizacións contra o Goberno colombiano de Iván Duque [Europa Press]
Manifestantes nunha das mobilizacións contra o Goberno colombiano de Iván Duque [Europa Press]

De novo foron as redes sociais as que deron a voz de alerta. A difusión de dous vídeos permitiu denunciar a suposta detención irregular dunha moza ao termo da xornada de protestas da terza feira contra o Goberno de Colombia.

María Fernanda Pérez foi apartada dun grupo que se manifestaba fronte á Universidad Nacional de Bogotá e introducida nun coche que carecía de identificación oficial. Ante os seus gritos, outro mozo gravou os feitos e perseguiu o vehículo policial no seu propio automóbil. Varias mazás máis adiante, logo de se deter, Pérez baixou chorando: “Subíronme supostamente para que no me agredisen máis”.

A escena, posteriormente difundida polos medios, reavivou as críticas contra o Esmad, o Escuadrón Móbil Antidisturbios, e o resto das forzas de seguridade, e trouxo á memoria a figura de Dilan Cruz, o estudante falecido tras recibir un balazo na cabeza no transcurso dunha das mobilizacións iniciadas o 21 de novembro.

Ante esta situación, a Procuradoría Xeral (a fiscalía xeral colombiana) iniciou onte unha investigación. Con todo, a Policía Metropolitana de Bogotá defendeu a súa actuación. Segundo informa o diario El Tiempo, que tivo acceso ao informe policial, a moza foi "apartada (...) porque se presentaba exaltada". E en conferencia de prensa, o comandante Hoover Penilla sinalou que malia careceren de identificación "os vehículos son institucionais e os seus pasaxeiros eran Policía".

Inhabilitación en Chile

Tamén en Chile as autoridades comezan a dar pasos ─cando menos simbólicos─ para frear os abusos policiais. O Senado aprobou unha acusación constitucional contra Andrés Chadwic, o ministro do Interior durante o inicio das protestas cidadás, posteriormente destituído polo presidente, Sebatián Piñera. A decisión inhabilítao para exercer cargos públicos por cinco anos.

andres_chadwick

Adoptada por 23 votos a favor e 18 en contra, a medida estabelece que Chadwic ─primo de Piñera─ infrinxiu a Constitución e as leis por non tomar medidas eficaces para evitar a violación dos dereitos humanos.

Informe da CIDH sobre Bolivia

O informe preliminar da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) respecto ao conflito postelectoral en Bolivia, feito público esta semana, conclúe que houbo masacres tanto en Sacaba como en Senkata, e mesmo que hai indicios de execucións extraxudiciais. Porén, o Goberno interino de Jeanine Áñez considera que o informe é "nesgado, inxusto, incompleto e inconsistente".

La autoproclamada presidenta de Bolivia, Jeanine ÁñezLa autoproclamada presidenta de Bolivia, Jeanine Áñez12/7/2019

A CIDH, con sede en Washington e dependente da Organización dos Estados Americanos (OEA), cre que os actos de violencia "poden caracterizarse como masacres dado o número de persoas que perderon a vida nun mesmo modo, tempo e lugar, e a que se cometeron en contra dun grupo específico de persoas".

Nos casos de Sacaba e Senkata, a CIDH di que, segundo as testemuñas, as forzas de seguridade dispararon contra concentracións "pacíficas"

comentarios