A imprensa española prosegue coa súa campaña de intoxicación sobre a saúde de Chávez

O ABC asegura no seu portal web que o líder bolivariano "non está en condicións de regresar" a Venezuela e mesmo advirte que o Goberno anunciará "nos próximos días" a súa incapacidade. Trátase do mesmo xornal que no seu momento desinformou á opinión pública ao comunicar que Chávez estaba en coma inducido.
El País
photo_camera El País

A imprensa española non cesa na súa teima de especular arredor da saúde do presidente venezolano Hugo Chávez. Neste senso, o diario dereitista ABC achega hoxe na súa portada web unha información en que aseguran que o líder bolivariano "non se recuperará" da enfermidade que padece desde 2011. Citando supostas fontes ás que tivo acceso o xornal --mais que non se revelan-- o rotativo español afirma con rotundidade que o Goberno venezolano "anunciará nos próximos días" a "incapacidade" de Chávez e a súa imposibilidade para regresar ao país e retomar as súas responsabilidades políticas. Neste senso, ABC asegura que diversos "membros do Tribunal Supremo" xa terían sido informados da grave situación.

ABC e El País teñen vertido informacións falsas sobre o estado de saúde do presidente Chávez

Cabe salientar que o mesmo medio chegou a asegurar o pasado mes de xaneiro que Hugo Chávez Frías estaba en "coma inducido" e mesmo que podería ter "falecido", unha información que posteriormente foi refutada polos propios acontecementos tanto polas visitas internacionais que recibiu o presidente como polas imaxes difundidas desde A Habana en que se amosaba o líder bolivariano camiñando nos arredores do complexo hospitalario en que se atopa ingresado desde finais do pasado ano.

O vicepresidente do PSUV afirma que Felipe González podería estar detrás da montaxe que levou a El País a publicar unha fotografía falsa de Chávez

Non se trata só do ABC. Cumpre lembrar que o diario El País, publicou unha fotografía en que aparecía un home entubado que --segundo o medio-- era o presidente Chávez. Porén, após distribuírense os primeiros exemplares. o diario tivo que frear as rotativas e editar unha outra capa perante o que certamente supuña unha fotografía falsa cuxo protagonista era un cidadán mexicano.

O Goberno de Venezuela, que vén de encetar accións legais contra El País, asegura mesmo que o ex-presidente socialista, Felipe González, podería estar vinculado coa publicación da foto falsa. Así o indicou o vicepresidente do gobernante Partido Socialista Unido de Venezuela, Tarek El Aissami, ao afirmar que "González aparece nos elementos da investigación que adianta" o executivo bolivariano. Neste senso, o ex-presidente viaxou hai escasos días até Venezuela para se reunir co líder opositor, Henrique Capriles, para continuar a cultivar as súas relacións "de amizade", como asegurou o propio gobernador de Miranda.

Comentarios