POLÉMICA POLOS GASTOS DAS AS VIAXES CARGADAS AO ORZAMENTO DO CONSELLO

A APM agarda que Dívar dimita voluntariamente

A Asociación Profesional da Magistratura (APM) acollería con "desafogo" que o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Dívar, presentara voluntariamente a súa dimisión, na véspera da reunión do Consello Superior do Poder Xudicial que o presidente convocou para mañá.

Carlos Dívar
photo_camera Carlos Dívar

En declaracións a Europa Press, o portavoz da APM, Pablo Llarena, explicou que a asociación non pide explicitamente o cesamento de Dívar pola "transcendencia" que tería no exterior de España e que dá liberdade aos seus vogais para tomaren a decisión que consideren oportuna no Pleno extraordinario que o Consello celebrará este sábado para estudar a petición de varios vogais de solicitar a saída do seu presidente. 

Llarena explicou que no comportamento do máximo responsable do Poder Xudicial debátense "cuestións morais", e que a solución que máis se axustaría ás razóns legais para que finalizase o mandato de Dívar sería que presentase voluntariamente a súa dimisión. "O problema da actuación do presidente é de ética. Non ten proxección nas causas sobre a extinción do seu mandato. Non hai moción de censura, polo que só pode saír pola súa propia decisión", remarcou.

O portavoz da asociación maioritaria cualificou de "eticamente reprobable" o comportamento de Dívar en relación cos seus gastos. Con todo, mostrou que a APM é consciente da transcendencia que podería ter esta decisión no exterior. A asociación é así consciente de que a "desestabilización" das institucións nun momento no que España solicitou un préstamo de 100.000 millóns de euros pode ter "transcendencia" no estranxeiro. 

"Ese medo a comprometer a imaxe do país é o que nos leva a non pedir explicitamente a dimisión", argumentou Llarena, para concluír que os vogais propostos pola súa asociación exercen o seu mandato con "responsabilidade" e "independencia", polo que podería haber posicións diverxentes entre eles.

O PSOE pide a dimisión

Pola súa banda, a vicesecretaria xeral do PSOE, Elena Valenciano,  salientou hoxe que é hora de que Carlos Dívar presente a súa dimisión, porque está "a danar gravemente a imaxe e o prestixio" das institucións que preside, o Tribunal Supremo e o Consello Xeral do Poder Xudicial. Até agora o PSOE reclamaba que Dívar comparecese para dar explicacións no Parlamento e, se non accedía a facelo, que presentase a súa dimisión.

Comentarios