23 anos do referendo de autodeterminación do primeiro novo Estado do século XXI

Timor Leste sufriu a ocupación militar de Indonesia durante máis de 25 anos.
Palacio presidencial de Timor Leste. (Foto: David Robie)
photo_camera Palacio presidencial de Timor Leste. (Foto: David Robie)

Un 30 de agosto, pero de 1999, Timor Leste acolleu un referendo de autodeterminación para converterse nun Estado soberano. O país, antiga colonia portuguesa, acadara a súa independencia após a Revolución dos Cravos, en 1974, pero ese mesmo ano foi invadida por militares indonesios, comandados polo ditador Suharto e coa conivencia dos Estados Unidos.

Durante a ocupación, o exército de Indonesia bombardeou e masacrou decenas de aldeas e vilas que se opuxeran a integrarse no país asiático. Os indonesios empregaron toneladas de napalm contra a poboación civil e nos bosques de Timor Leste, eliminando unha grande parte da masa arbórea do país invadido.

Durante a década dos 80 e comezos dos 90, foron varios os episodios de represión policial contra os habitantes de Timor Leste. Segundo a Comisión de Recepción, Verdade e Reconciliación en Timor Leste (CAVR), o exército de Suharto fixo uso de avións e bombas incendiarias subministradas pola administración estadounidense para reprimir o movemento independentista.

En 1996, a obtención do Premio Nobel da Paz por parte do bispo Carlos Felipe Ximenes Belo e avogado e político José Ramos-Horta deu un carácter mediático e mundial á exixencias de Timor Leste.

Referendo de autodeterminación

O 5 de marzo de 1999, os gobernos de Portugal e Indonesia comezaron a negociar a realización dunha consulta popular, que recibiu as críticas do sector máis extremista e militarizado do Executivo indonesio.

Pese a que nos meses previos á que o referendo tivese lugar grupos paramilitares apoiados polo sector contrario á consulta exerceron represión contra a poboación de Timor Leste, o 30 de agosto de 1999 98% da poboación acudiu ás urnas para decidir o futuro do seu país.

O resultado, cun apoio á independencia de 78%, deixou claro o desexo de Timor Leste de ser un Estado independente. Porén, a reacción autoritaria de Indonesia contra todos aqueles que votaron a favor no referendo levou a Nacións Unidas (ONU) a entrar no país en setembro de 1999, atopándose cidades e vilas totalmente derruídas e milleiros de persoas asasinadas e tiradas nas rúas.

Comentarios