BNG exixe ao goberno español que se implique de vez na defensa dos dereitos do pobo saharauí

O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Congreso español para exixir do goberno español unha implicación real e efectiva ante Marrocos na defensa e respecto dos dereitos humanos do pobo saharauí
Sahara

Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, rexistrou unha iniciativa parlamentar pola cal demanda ao goberno "un papel máis activo na exixencia a Marrocos de que respecte os dereitos humanos e fundamentais do pobo saharauí". A parlamentar nacionalista solicita, nesta liña, a comparecencia do ministro de Asuntos Exteriores para que explique "se o Estado español vai asumir un rol máis activo na necesaria resolución do conflicto do Sáhara Occidental ocupado por Marrocos, e quere saber se fixo xestións perante as autoridades marroquís pola expulsión de cidadáns de nacionalidade española dos territorios ocupados".

A deputada nacionalista mostra a solidariedade e apoio do BNG co pobo saharauí e a loita pola súa autodeterminación.

Rosana Pérez refírese na iniciativa parlamentar á recente visita do Enviado Persoal do Secretario Xeral da ONU para o Sáhara, Christopher Ross, aos campamentos de refuxiados saharauís. “Sabe o goberno que o representante da ONU expresou a necesidade de reactivar o proceso de negociación para acadar unha solución que poña fin ao conflicto no Sáhara?”.

"Non podemos ser alleos á situación deste pobo"

Para a deputada nacionalista “o Estado español non pode ser alleo" á situación pésima pola que atravesa o pobo saharauí, desprovisto de dereitos, e que padece unha brutal represión por parte de Marrocos". O Estado español, como pais colonizador, afirma, é corresponsábel do actual estado de cousas e como tal debe ter un papel máis activo e intermediar para que haxa un referendo libre e imparcial sobre o dereito de autodeterminación do pobo saharauí.

Comentarios