"A Revolución bolivariana non depende dun só home, desatouse un liderado colectivo"

Após anunciar que será sometido a unha nova intervención cirúrxica, o recentemente re-elixido presidente de Venezuela asegurou que depositara a súa confianza no vice-presidente,  Nicolás Maduro, porque a oposición "non descansará na incerteza, sobre todo en circunstancias como estas".

Após someterse a un recoñecemento médico, Hugo Chávez anunciou que sería sometido a unha nova operación cirúrxica por mor do cancro que padece desde 2011. Neste sentido, Chávez confirmou que viaxará á Habana para que lle sexa suministrado un novo tratamento. Porén, o xefe de Estado venezolano asegurou que a Revolución Bolivariana "non depende só dun home senón" que foi asumida xa polo pobo de Venezuela.

"Pasamos etapas, por sorte a Revolución bolivariana non depende dun só home, desatouse un liderado colectivo"

"Hoxe temos a patria máis viva que nunca", aseverou o líder venezolano entrementres lanzaba chamamentos á unidade "sobre todo", asegurou "en circunstancias coma estas" afirmando con rotundidade que esa unidade "de todos os patriotas, garantirian a continuidade "da súa Revolución". No entanto, Chávez recoñeceu na súa intervención pública que existen riscos inherentes á propia operación polo cal de se produciren complicacións que lle impedisen exercer as súas funcións como mandatario, sería o vice-presidente da República, Nicolás Maduro, o que se presentase nun segundo proceso electoral como candidato da Revolución bolivariana. Así pois, amosou a súa decisión como "irrevocábel e absoluta" de que "o pobo" debe elixir a Maduro como "próximo presidente", apuntou.

Comentarios