Vence pide a demisión de Feijóo, Rajoy e De Guindos

O portavoz nacional do BNG cre que estamos nun “estado de excepción económica e democrática” após a quita ás preferentes e participacións subordinadas.

Vence na manifestación das preferentes en Pontevedra

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou esta mañá na manifestación convocada en Pontevedra polas Plataformas de Afectad@s polas Preferentes e Subordinadas de Galiza. Na mobilización estivo acompañado por unha ampla representación do BNG, entre outros, do portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, de membros da Executiva Nacional, e do alcalde de Pontevedra. En declaracións aos medios entrou a valorar as últimas noticias sobre a aplicación da quita, dun mínimo do 43%, que considerou como “un golpe democrático ao pobo” e amosou o rexeitamento máis rotundo do BNG a este saqueo.

Vence amosouse crítico pola imposición, a través dun decreto lei, dunha decisión que considerou "grave". Por este motivo exixiu a demisión inmediata de Feijóo, Rajoy e De Guindos que "incumpriron as súas promesas electorais en favor da banca especulativa e depredadora". O portavoz nacionalista asegurou que as persoas con preferentes e subordinadas sufrirán unha nova quita cando convertan as accións en líquido polo que perderán aínda unha parte maior dos seus aforros.

Nas críticas do portavoz nacionalista tamén entraron os bancos e as súas maneiras de colocar preferentes e subordinadas "a través da farsa máis vil e con información falaz a persoas que non reunían os requirimentos para soportar estes produtos complexos". Lembrou que o BNG sempre denunciou "a colaboración e a vista gorda do Banco de España, do Goberno central e da Xunta de Galiza diante desa política agresiva e fraudulenta das entidades financeiras".

Xavier Vence tamén criticou as "indemnizacións e remuneracións exorbitantes dos máximos responsábeis da banca coa complicidade do Banco de España" e contrapuxo os privilexios dos que gozan os altos directivos "co afogo que viven as persoas estafadas".

Comentarios