O PP mente en Twitter sobre a explosión en Beade

A través da súa conta oficial nesta rede social o PP falsea a realidade e bate contra BNG e Anova polo acontecido en Beade. 

Chío 2

O PPdeG aproveitou o acontecido esta madrugada no concello de Beade para bater, máis unha vez, contra BNG e Anova. @s populares acusaron a través da rede social Twitter a ambas as dúas formacións de "xustificar" as "accións de Resistencia Galega". Asemade, critican que Anova e Bloque "eviten condenar" a explosión producida na casa consistorial e que continúa sen ser reivindicada por ningún grupo. 

Porén, o certo é que o portavoz nacional do BNG rexeitou esta segunda feira calquera tipo de violencia e o uso desta "con calquera finalidade" pois, dixo, "non resolve os problemas".

Pola súa parte, desde AGE manifestaron nun comunicado o seu rexeitamento "a todo tipo de violencia" e cualifica a explosión ""dun acto que ataca á cidadanía, ao conxunto de vecinos e veciñas de Beade".

Tamén o PSdeG transmitiu a súa "condena con total contundencia" a este tipo de actos e reivindicou a través do seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, "o papel da política como instrumento". Asemade, CxG tamén condenou a explosión.

Comentarios