Un maratón de 12 horas polo galego inaugurará este mes a nova etapa de Irmandade TV

O proxecto televisivo poderase ver en diferentes soportes (TDT, cabo -na plataforma R-, internet) e comezará a retransmitir a fins do presente mes. Na grella: informativos, magazine cultural, deportes, lecer, curtas... 

Irmandade TV

Un maratón de 12 horas polo galego inaugurará as emisións da nova etapa de  Irmandade TV a finais deste mes. “O sábado 21 ou o sábado 28”, anuncia Aurelio Lópes, un dos responsábeis do proxecto televisivo que vai desembarcar neste mes de marzo a través de diferentes soportes: TDT, por cabo -através da plataforma R- e internet. Se ben en principio a data prevista é 21, non se confirma definitivamente ao estar ultimándose detalles e resolvendo algún imprevisto, polo que se mantén sobre a mesa a opción do 28.

O que si está confirmado é que o primeiro día de emisión de Irmandade TV consistirá nun maratón de 12 horas polo galego, de 12:00 horas a 00:00 horas. Un programa especial no que se abordará o idioma desde múltiples perspectivas e miradas. Haberá entrevistas, mesas de debate, pequenas reportaxes sobre o día a día do galego en máis dunha ducia de localidades do país coa xente do común como protagonista, conexións en directo... Mesmo se está a traballar coa posibilidade dun concerto como broche de ouro. “É un esforzo moi importante, e queremos facer un traballo profesional”, di Lópes sobre o maratón. A ‘posta de longo’ de Irmandade TV vai ser 12 horas de emisión combinando diferentes formatos (da mesa de debate á conexión en directo), unha mostra de que o proxecto entrou na maioría de idade.

A primeira fase desta nova etapa contará con informativos, magazine cultural, espazos de deportes, debates de actualidade..

Aposta na información

De segunda a sexta feira Irmandade TV emitirá un informativo que vai presentar Sara Torreiro. De 21:00 a 21:30 é a quenda da información local e a partir de aí da xeralista, na que se analizará a actualidade co foco posto nos diferentes eidos: Galiza, economía ou internacional, entre outros. O novo proxecto traballara con axencias para cubrir aqueles aspectos que non poida abranguer, mais a aposta principal farase na información propia.

De segunda feira a quinta feira haberá a partir das 22:00 horas un programa de análise da actualidade política, económica e social. Terá un formato de tertulia e vaise debruzar desde diferentes perspectivas e voces diversas sobre aquelas cuestións de interese que marca a actualidade.

A semana de Irmandade TV dá para máis ofertas, como un programa semanal no que se entrevistará a fondo a unha personaxe. Tamén Sermos Galiza terá o seu espazo, con carácter mensal, nun programa no que se poñerá o foco sobre un determinado tema ou cuestión, debatindo convidados a favor e en contra do mesmo.

“Queremos ser unha televisión que non teña na que envexar o resto”

Cultura e deportes

Na grella de Irmandade TV tamén vai haber espazo para un magazine cultural, que en principio será as sextas feiras. Os deportes – formato debate- terán a súa quenda dúas veces por semana. O proxecto televisivo tamén está en contacto para emitir curtametraxes, documentarios (por exemplo, tirados do amplo catálogo de traballos feitos nestes eidos na Universidade).

Esta é a oferta para as primeiras semanas, que progresivamente irase ampliando, variando e enriquecendo a medida que vaia collendo forma e contido as emisións de Irmandade TV. Tense en axenda, por poñer un exemplo, a posibilidade de retransmitir eventos deportivos na fin de semana.

O principal é, como lembran desde Irmandade TV, que a xente opte por sintonizar, que opinen sobre ela e que a dean a coñecer. “Queremos ser unha televisión que non teña na que envexar o resto”. E feita desde aquí e para aquí.

Comentarios