Emigrantes Retornad@s cualifican de “electoralista” o anuncio de devolución de multas do PP

O prazo de devolución será de comezos de xaneiro a fins de xuño, coa campaña das municipais no medio. 

Manifestación Emigrantes Retornad@s
photo_camera Manifestación Emigrantes Retornad@s

“As respostas do ministro no congreso son de risa, insultantes”, valora Xosé Luís Leirós, portavoz do colectivo de Emigrantes Retornad@s Marusía a respecto das afirmacións do ministro Montoro de que van devolver 20 millóns de euros que sairán do “proceso de regularización” previsto para o período de xaneiro a xuño. 

“Imos seguir na rúa e ímoslles fastidiar a campaña electoral"

“Por que non comezan antes?”, pregúntase Leirós para quen, co reparto de sobres con cartos de xaneiro até o un de xullo, o PP quere “comprar vontades en pleno período electoral”. Ao seu ver, o que chaman proceso de regularización supón “un plan ben pensado para legalizar algo ilegal que están a cometer cos emigrantes”. 

Concentracións 2 de outubro

Segundo Leirós, a resposta de Montoro ás iniciativas presentadas pola deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, supuxo unha posta en escena do “insulto a un colectivo, ao que se nos tratou de ignorantes. Nós si estamos afeitos a pagar tributos nos países europeos, o que non estamos afeitos é a que nos rouben”. O 1 de agosto modificouse a lei e, a partir do 1 de xaneiro, ao seu ver, comezará o proceso de “legalizar a ilegalidade, o saqueo que comenten co colectivo de emigrantes”. Sospeitan tamén que con esta reforma, o que fai o goberno é adiantarse á chamada de atención que agardan da Comisión de Denuncia da UE. 

“Imos seguir na rúa e ímoslles fastidiar a campaña electoral. Estamos autorizados moralmente para protestar polo que nos están a facer”, sinala, mentres anuncia que o vindeiro día 2 de outubro ás 12 horas convocarán concentracións e manifestacións en todas as localidades onde teñen plataformas.  

Critican tamén a actitude do PP de Galiza e a Xunta que, no canto de defenderen os dereitos da emigración galega, “póñense do lado da facenda española. Cólganse medallas que non gañaron e é insólito que non defendan aos seus propios cidadáns”. 

O problema non está amañado

Contra o que tentou transmitir o PP no congreso, para as Plataformas de Emigrantes Retornad@s da Galiza “agora mesmo a situación é moito peor que fai un ano e medio, cando comezaron as protestas. Antes a loita era contra unha lei discriminatoria, inxusta, do 2006 que se puxo en marcha no 2013, unha lei da que xa temos sentenzas que sinalan o seu carácter discriminatorio. A nós nunca nos dixeron que tiñamos que tributar. Coa nova lei, tes que ir ti a Facenda e asumir a discriminación”, denuncia Leirós que vén de recibir a chamada dunha muller á que lle Facenda lle reclama 30.000 euros. Porque, aínda que se dera por finalizado ese proceso, as cartas continúan chegando ás casas de emigrantes. 

Comentarios