BNG traslada a UXT e CCOO a necesidade para Galiza dunha banca pública

O voceiro nacional, Guillerme Vázquez,mantivo unha reunión coas direccións galegas de UXT e CC OO, organizacións ás que o BNG deu traslado da súa proposta de Banca Pública Galega.

O voceiro nacional do BNG mantivo unha xuntanza coas direccións galegas de UXT e CC OO, organizacións ás que a organización nacionalista deu traslado da súa proposta de Banca Pública Galega, incidindo na utilidade desta ferramenta para fornecer de crédito a empresas e particulares no camiño de crear emprego..

Nesta xuntanza, alén de Guillerme Vázquez, fixeron parte da delegación do BNG a secretaria de Organización, Montse Prado; o secretario de Acción Social, Rafa Vilar; e o membro do Consello Nacional Xavier Vence. Pola súa parte, as delegacións de UXT e CC OO encabezáronas José Antonio Gómez e Mabel Pérez, secretario xeral e secretaria da Muller, Políticas de Igualdade, Inmigración e Cooperación ao Desenvolvimento, respectivamente.

Guillerme Vázquez considera que a Banca Pública Galega é a “forma máis realista” de contar cunha institución financeira “vinculada ao territorio e capaz de fornecer crédito a empresas e particulares -crédito que hoxe non existe pola vía da banca privada”. Esta banca sería tamén, a xuízo do líder nacionalista, unha fórmula “indispensábel” para evitar que se consume o espolio do aforro galego e mesmo para voltar a xerar confianza entre as aforradoras e aforradores, “que neste momento non se fían en absoluto das entidades privadas”.

Alén, alertou Guillerme que na recente cimeira europea o que se pactou é entregar a Alemaña a chave para que sexa ela quen dirixa a reordenación do sistema financeiro no conxunto do UE. As decisións sobre o aforro galego tomaríanse xa non en Madrid, senón en Berlín, advirten desde o nacionalismo.

“A única forma de lle dar volta a ese deseño é apostarmos pola Banca Pública Galega”, razoou Guillerme, quen salientou que Galiza, con Feijóo na presidencia, leva camiño de ficar sen ningún instrumento financeiro propio. “O Pastor foi absorbido polo Popular e Novagaliciabanco xa todos vemos como está”, dixo.

Acollida

Guillerme mostrou a súa convicción de que a proposta de Banca Pública Galega que impulsa o BNG vai callando a cada máis na sociedade galega. “Estamos a obter unha moi favorábel acollida en todas as reunións e contactos cos axentes sociais. Hoxe tamén”, dixo, a respeito do encontro das direccións galegas de UXT e CC OO.

Comentarios