Aparecen novos dados técnicos sobre o sinistro ferroviario de Angrois. No decorrer da investigación xudicial un novo informe pericial salienta irregularidades que poderían ter a ver co accidente.
Neste senso, o documento presentado polo enxeñeiro industrial José Manuel Lamela e que recolle esta sexta feira o xornal La Voz de Galicia, apunta que o Alvia carecía de freos nunha das oito rodas do comboio. No concreto, a roda dereita do terceiro eixo da máquina. Un feito, sinala, que tería reducido a capacidade de freado as prestacións do tren.
O enxeñeiro aclara no seu informe que a ausencia das zapatas "non se considera consecuencia do descarrilamento" senón debido a unha "fixación incorrecta" das mesmas durante as tarefas de mantemento.
O xuíz instrutor exixe a Renfe que remita a información que lle foi solicitada hai 8 meses nun prazo de 15 días e apercebe por "desobediencia" a empresa pública
Así as cousas, determinar o grao de implicación desta carencia nas consecuencias do sinistro fica pendente de ser esclarecido por un outro estudo que está a elaborar o Centro de investigación en tecnoloxías ferroviarias (CITEF) pertencente á Universidade Politécnica de Madrid. Ora ben, só unha das 44 rodas do Alvia se atopaba nesta situación, segunto do enxeñeiro Lamela.
Porén, o informe tamén salienta outras sete carencias como "resultado das actividades de mantemento" do comboio que, no entanto, non terían a ver nen no seu conxunto nen por separado co descarrilamento do 24 de xullo de 2013.
No marco da instrución do caso esta semana tamén foi remitido a Renfe un "apercebemento por desobediencia". O xuíz reprendeu a entidade por non ter presentado aínda a documentación que lle foi solicitada hai 8 meses. Neste senso, outorga un prazo de 15 días para que sexa achegada por parte da empresa pública responsábel da xestión ferroviaria.