Máis un perito afirma que se o ERTMS estiver instalado o sinistro de Angrois "nunca tería acontecido"

O enxeñeiro holandés Frans Heijnen cuestiona no seu informe pericial a decisión adoptada por Renfe e Adif de suprimir o sistema de freado automático e salienta "a contradición" existente entre a regulamentación e a "realidade dos elementos da vía".

O xuízo polo accidente ferroviario de Angrois acontecido o 24 de xullo de 2013 na curva da Grandeira continúa adiante. Neste senso, o xuíz Aláez --que será substituído após solicitar un cambio de tribunal-- está a recompilar os informes técnicos solicitados en relación ás condicións de seguridade da vía, a súa catalogación como Alta Velocidade ou as características do Alvia sinistrado. 

"O accidente nunca tería acontecido se o ERTMS estiver instalado"

O último dos informes periciais chegou aos xulgados esta mesma semana e procede do enxeñeiro de telecomunicacións holandés, Frans Heijnen, como perito designado pola aseguradora QBE. Na documentación remitida ao xuíz instrutor do caso Heijnen afirma de maneira taxativa que ter instalado o sistema ERTMS --o sistema de freado automático-- tería evitado o accidente que rematou coa vida de 79 persoas na curva da Grandeira. 

 Heijnen afirma de maneira taxativa que ter instalado o sistema ERTMS tería evitado o accidente que rematou coa vida de 79 persoas

"Se o ERTMS estiver instalado e activo até o quilómetro 88, como inicialmente estaba previsto, o accidente nunca tería acontecido", apunta o enxeñeiro en telecomunicacións. Unha opinión que vén a se sumar á de anteriores peritos e mesmo á do propio Aláez

Neste senso, cumpre lembrar que a actual ministra de Fomento, Ana Pastor, recoñeceu após o accidente ferroviario que o sistema de freado automático ERTMS estaba previsto no deseño inicial do tramo Ourense-Compostela. Porén,finalmente este foi desactivado e substituído polo sistema Asfa. 

Unha redución do nivel de seguridade "innecesaria"

"Unha transición tan brusca de velocidade debería estar respaldada por un sistema de seguridade susceptíbel de protexer contra o fallo"

Ao entender do perito holandés a transición do ERTMS ao Asfa supuxo unha importante redución do nivel de seguridade nunha vía que conta con todas as características da alta velocidade. Unha redución da seguridade que coida "innecesaria" pois, sinala, "a implementación doutra solución con máis garantías de seguridade tería implicado un reducido custe". 

Así pois, segundo Frans Heijnen "unha transición tan brusca de velocidade" como a que se exixe na curva da Grandeira "debería estar respaldada por un sistema de seguridade susceptíbel de protexer contra o fallo". Un feito que para o perito "só" poden obterse co sistema ERTMS pois "o maquinista tería sido advertido previamente dunha próxima redución de velocidade" contando así "con dous elementos adicionais de protección": a sinalización e o freado automático. 

Comentarios