Esta quinta feira (19 de marzo), axentes de Vixianza aduaneira procederon á detención do presidente da compañía de transportes Monbus, xunto con outras 9 persoas.
A orde partíu dos xulgados de Lugo e da xuíza de instrución da Operación Pokémon, Pilar de Lara, quen ordenou tamén o rexistro das oficinas de Monbus, segundo recollen as axencias de noticias.
As dilixencias inciadas foron declaradas sumarias pola xuíza pois as accións continúan a se desenvolver. Vixianza Aduaneira rexistrou tamén o Multiusos Fontes en Compostela, pois López é presidente do clube de baloncesto Obradoiro.
No marco dos rexistros, que foron practicados tamén en varios hoteis en Sanxenxo --onde se procedeu á detención de Raúl López na cuarta feira-- foron atopados 1 millón de euros en efectivo como avanzan El País e La Voz de Galicia.
Nun comunicado, a empresa Monbús quer informar a usuarios e cidadanía que os seus servizos de transporte funcionan "con normalidade" e que "seguirán a facelo". Nese comunicado tamén se afirma que "se ben de momento descoñecemos o contido da investigación xudicial" tanto dirección como persoal "partillamos a tranquilidade e seguridade manifestada polo noso presidente".
De por parte, Alberto Núñez Feijóo, quixo trasladar esta quinta feira unha mensaxe de "tranquilidade absoluta" do seu Goberno polos contratos que poida haber entre a administración autonómica e Monbus ou cualquera outra empresa, toda vez que os documentos son "fiscalizados e conformados" pola Asesoría Xurídica da Xunta. A preguntas sobre se como presidente da Xunta mantivera algún encontro con López e qué asuntos trataron,respondeu que levaba 6 anos de presidente e que non podía lembrar se se reuníu ou non co presidente de Monbus. "Ao mellor tívena ou non, non o sei", dixo.
Fontes xudiciais consultadas por Europa Press confirmaron que se investigan delitos contra a facenda pública, blanqueo de capitais, falsidade, delito contable, tráfico de influencias e suborno a funcionarios.
Ante estes feitos, o sindicato CIG solicitou a intervención da Xunta para garantir os servizos e o mantemento dos postos de traballo.