A xuíza de Lara sinala Carlos Negreira na Operación Pokémon

Asegura nun auto que o alcalde coruñés podería ter sido coñecedor e consentidor dun presunto delito de contratación irregular continuada.

Carlos Negreira
photo_camera Carlos Negreira [Imaxe Concello da Coruña]

A xuíza instrutora da Operación Pokémon, Pilar de Lara, extende as súas sospeitas nas pescudas sobre corrupción no Concello da Coruña ao conxunto da corporación e mesmo ao alcalde, Carlos Negreira. 

No último auto publicado de Lara afirma que o tenente de alcalde, Julio Flores --imputado xunto con outras 12 persoas entre cargos e funcionarios municipais-- "non actuaría de maneira illada", senón que o faría "co posíbel coñecemento e consentimento dos seus compañeiros de goberno, incluído o propio alcalde, don Carlos Negreira". 

Así o asegura após revisar as conversas telefónicas e os correos electrónicos intervidos no proceso sumarial entre o delegado de Vendex en Galiza, José María Tutor, e Flores. 

Segundo de Lara, ambos os dous --Tutor e Flores-- contarían cunha listaxe de persoas entre as que se producían as contratacións irregulares. No concreto, a xuíza califica o proceder da nova corporación --eleita após os comicios de 2011-- como unha "axencia de colocación de emprego". Esta función, acrecenta, non se corresponde coas tarefas a desenvolver por unha administración local. 

Segundo a xuíza Pilar de Lara, o proceder da corporación municipal coruñesa semella o dunha "axencia de colocación de emprego"

No auto, Pilar de Lara apunta tamén aos concelleiros de Deportes, Francisco Mourelo, e de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo. Das investigacións, continúa o auto, despréndese "sempre presuntamente" que os responsábeis políticos que terían actuado de maneira corrupta percibían como contraprestación pola súa actuación "posíbeis pagamentos en diñeiro" ou "entregas de agasallos". 

Pola súa banda, as persoas contratadas gozarían non só dun posto de traballo senón que "se converterían practicamente en funcionarios" con dereito de subrogación de mudar a empresa concesionaria. 

Reaccións

Após coñecerse a nova, desde o grupo municipal do BNG lembraron as preguntas formuladas en sesión plenaria ao alcalde Carlos Negreira en xaneiro de 2014 logo de que a xuíza sinale o coñecemento que presuntamente tería o rexedor das prácticas desenvolvidas por Flores. Aliás, instan a Negreira a destituír o seu tenente de alcaldía. 

Desde a Marea Atlántica, tamén o candidato á Alcaldía, Xulio Ferreiro emitiu unhas declaracións a respeito das investigacións. A formación sinala que "Carlos Negreira non encabeza un goberno senón unha trama de colocación de amigos".

Comentarios