Galiza e Euskal Herria sob ameaza electoral

As dúas nacións queren ser sometidas a unha reforma, quer reducindo o número de deputad@s, quer modificando o censo electoral. A proximidade dos comicios en ambos os dous territorios pon o PP a cociñar reformas electorais. 

Á redución do número de parlamentares na Galiza, considerada xa por moit@s unha fraude electoral, súmaselle a reforma proposta polo Partido Popular en Euskal Herria, cuxo obxectivo é permitir o voto nas vindeiras eleccións nacionais vascas d@s "exiliad@s" pola actividade de ETA. Neste sentido os populares avogan pola modificación da lei e o censo electoral co fin de que un número, aínda indeterminado de persoas, poidan solicitar o dereito ao sufraxio activo logo de "aseguraren" que marcharon de Euskal Herria por "sentírense intimidadas por ETA".

Segundo o ministro do Interior español, Jorge Fernández Díaz, a proposta de reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral permitiría votar a aquelas persoas que acrediten ter vivido en Euskal Herria durante cando menos cinco anos entre o 15 de xuño de 1977 (data das primeiras eleccións do Estado español) e o 31 de decembro de 2011. Quen así o solicitar, poderá votar en todas as eleccións e referendos, con preferencia do voto por correo.

"Unha colonización a distancia"

As restantes forzas políticas -PNV, PSE, EA e Aralar-, pronunciáronse ao respecto de maneira moi crítica ao longo da fin de semana perante o que consideran "unha aberración".
A esquerda abertzale denunciou a través dun comunicado que o Partido Popular pretende "alterar o censo electoral cunha colonización a distancia", modificando o censo electoral ao seu antollo e baixo intereses partidistas. Asemade, consideran que o PP procura "rematar o novo ciclo" político aberto en Euskal Herria e "pechar as portas á esquerda soberanista e independentista". Para a esquerda abertzale é unha "demostración" de que o Estado español "pretende negar @s vasc@s o dereito a decidir libre e democraticamente o seu futuro". Así pois, pediron ao pobo vasco actuar máis unha vez como país, pois, "é a única mensaxe que entenden os colonizadores".

Pola súa banda, o secretario xeral de Aralar, Patxi Zabaleta, tildou de "aberración política" a proposta e di: "é totalmente contraria aos principios da democracia universal". A xuízo de Zabaleta, o PP amosa un interese electoral claro. O voceiro do PNV, Iñigo Urkullu, emprazou esta segunda ao lehendakari, Patxi López, a se pronunciar ao respecto. Así mesmo, Urkullu preguntouse se con esa reforma @s gardas civís, policías nacionais e funcionari@s do estado destinados en Euskal Herria, poderían votar nas vindeiras eleccións. 

Comentarios