A presenza do escudo galego en Portugal

Pedro Gracia Dei fixa a torre de Hércules como símbolo nacional da Galiza.

Como temos achegado noutros momentos, o brasón galego foi sufrindo ao longo da súa historia diversas modificacións desde aqueles tres cálices aparecidos no Segar’s Roll (ano 1282). Así e todo, cando menos dúas tendencias máis xorden no medievo: unha, provista de paus azuis (en campo de ouro ou prata); e outra que difunde a finais do século XV Pedro de Gracia Dei (este quizais sexa un heterónimo). Tal personaxe nace na segunda metade desa centuria e, segundo o que el mesmo afirma, é galego de nacenza. Nun incunábel da súa autoría, datado en 1486 e que se conserva na Biblioteca Nacional de España (Inc 1272), sinala este feito en varias ocasións (ff. 1r, 7v e 19r, entre outros). Na dedicatoria da obra queda totalmente claro: “La criança y virtuosísima dotrina dedicada a la illustre y muy esclarecida señora doña Isavel, primera infante de Castilla, en la universidad de Salamanca; por un gallego hijo del dicho studio; renonbre  Gracia Dei (...)”.

Un escudo do betanceiro, Gracia Dei

Aínda que dedicada desta volta ao “Sereníssimo príncipe alto y muy poderoso rey de Portogal”, a obra Blasón General de todas las insignias del Universo (que imprime en 1489), certifica a súa natureza: “hecho en la universidad de Salamanca por un gallego hijo de dicho estudio, renonbre Gracia Dey”. Mais a cuestión é: de que lugar concretamente puido ser o escritor? A clave tráenola o seu sobriño Antonio de Baraona na obra Rosal de nobleza de España (BNE, mss. 11460). A este respecto son interesantes os folios 1r e 85v-86r, entre outros, pois nestes últimos –literalmente– comenta que “Este brebe compendio orixen y blasón de los cavalleros y hixos dalgo del linaxe de los Fernández de Dios Ayuda Garridos es hecho por Antonio de Baraona, natural de Triana, estramuros y epalensis, sobrino de hixo de su ermana de Grazia Dey, yntérpete de Las Españas, natural nazido en una casa extramuros de la ziudad de Betanzos”.

Por conseguinte, entendemos que Gracia Dei vén ao mundo na contorna betanceira, mais que datos biográficos debemos subliñar del? Se bebemos das obras citadas e dos estudos realizados por Natalia Anaís Mangas, Harvey L. Sharrer, Ruth Martínez Alcorlo e Jaime Bugallal podemos sinalar varios aspectos importantes: Primeiro que é estudante na Universidade de Salamanca e logo de acadar o título de bacharel pasa á corte castelá, onde ocupa os postos de cronista, “Rei de Armas” e criado dos Reis Católicos. En segundo termo, falecida Isabel I, serve á súa filla Xoana e con posterioridade a Carlos V. O seu pasamento acontece en Zafra (Badaxoz) en 1530. 

Por mor das súas raíces galegas, o cronista debe coñecer ben as bisbarras coruñesas, pois cando lanza dende os tórculos da cidade de Coria a seu Blasón General gusta de representar unha restra de escudos de diversos territorios (f. 14v bis), o galego leva en todo o seu campo a propia torre de Hércules. Agás o de Navarra, quer os emblemas dos reinos existentes ou extintos quer as recreacións fantasiosas, descríbeos absolutamente todos. Así vemos o brasón do imperio dos “dous Estados da Igrexa”, acompañado de multitude de emblemas, entre eles os de Castela, “Barçelona con su Cataloña”, Navarra, Aragón, León, Andalucía, Portugal e Galiza. Este, segundo el, porta por emblema “la torre blanca del espejo que Hércules hizo sobre su sangre”.

A torre de Hércules como símbolo nacional da Galiza

Velaquí este brasón medieval galego, o primeiro representado na Península Ibérica que se teña constancia, pois aquel cáliz con tapa que aparece no libro de armerías de Diego Hernández de Mendoza –conservado na Biblioteca de El Escorial– data de oito anos máis tarde. Está claro que Gracia Dei ve na torre de Hércules o símbolo nacional da Galiza, o mesmo que usa a cidade da Coruña. Por outra banda, por dedicar o Blasón General ao rei de Portugal, Xoán II (1455-1495), esta “variante” pasa a ser asumida polo reino luso e así aparece reproducida nunha manchea de armoriais. 

Sirve de exemplo aquel que, escrito en portugués, se titula Livro de todas as Armas das geraçois de Portugal e outras de diversas partes do Mundo (BNE, mss. 11609). Aínda que elaborado polo século XVIII, o seu “copista” bebe dunha obra que ficaba nos fondos da casa de Bragança. Esta quizais fose un exemplar do Blasón General. Na páxina 2 indícase o seguinte: “Foy terladado este livro de Armas de Portugal e outras coriossidades por outro que tinha o senior Dom Duarte, filho do Yllustre Dom Duarte, que foyf ilho del Rey Dom Manuel e da Yllustre Doma Ysabel, filho de Dom James terseiro Duque de Bargança, que faleçeo no anno de MDLXXVI, e o dito libro nao estava de todo acabado”. Outra copia do armorial, tamén elaborado nesa centuria, describe o brasón galego no capítulo que titula: “Ynsignas antigas de diversas nazoins”(BNE, mss. 11496, p. 68).

Pero volvamos o inicio deste asunto. De 1489 temos, logo así, a versión dun “novo” escudo para Galiza, mais é Pedro de Gracia Dei o seu creador ou só se limitou a difundir un emblema existente e coñecido tanto na Península como na nosa nación?

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Escudos do reino
comentarios