O escudo da Galiza nos gravados italianos do século XVI

Unha viaxe ao escudo galego nos gravadores italianos do Renacemento.
O escudo galego nunha serie de brasóns da calcografía de Agostiño Carracci en 1582 (Imaxe: Héitor Picallo)
photo_camera O escudo galego nunha serie de brasóns da calcografía de Agostiño Carracci en 1582 (Imaxe: Héitor Picallo)

Antonio Campi, natural de Cremona (Italia), traballa na corte de Filipe II. E alén de ser coñecido polas obras pictóricas, tamén relocen as súas arquitecturas, esculturas e gravados. A vida transcórrelle entre 1523 e 1587 sabendo que, malia falecer na súa cidade natal, fica en Madrid polos anos oitenta dese século. A abreviatura do seu nome (Ant. Cam.) constátase nun gravado ao cobre que debuxa un conterráneo seu, Agostiño Carracci (1557-1602). A peza titúlase Philippus II austrius rex catholicus. 

A diferenza de Antonio, que procede dunha familia de artistas, a deste é unha casa de traballadores, concretamente o seu pai desempeña o oficio de xastre en Bolonia e o seu curmán (o destacado pintor Annibal Carracci) é fillo dun carniceiro. De estilo atrevido e libre, influenciado polo seu profesor Cornelius Cort (1536-1578), a obra de Agostiño destaca en varias disciplinas, sobre todo na do gravado, de aí que o cualifiquen como un dos mellores artistas desta técnica a nivel italiano, tal e como o recorda Clara Erskine Clement (Painters, sculptors, architects, engravers and their works).

Nos últimos instantes da súa vida vémolo ao servizo de Ranuccio Farnese (IV duque de Parma) e, segundo nos trae Jo Eldridge Carney na súa obra Renanssance and Reformation 1500-1620, Carracci sofre a censura de Cremenzo VIII por mor de ter elaborado unha serie de gravados eróticos (1590-1595), que titula Lascivie.

Volvendo atrás no tempo, en 1582 acorda montar co seu irmán Ludovico e o referido Annibal unha academia de arte, curiosamente no mesmo ano no que ve a luz a obra La Crónica de Cremona, para a que Campi realiza aquel debuxo de Filipe II e que grava en lámina de cobre o tal Agostiño. Verbo do interese que suscita esta estampa, pasamos a describila. 

Un medallón central coa efixie do rei e o declarado título ao redor está suxeitado por dous anxos: un armado coa espada e a balanza, símbolos da fortaleza da xustiza (tal e como sinala unha cartela que fica aos seus pés: In Fortitudine Justitia) e o outro que se aferra a un crucifixo (en cuxo análogo indicador se le: In Charitate fides –na caridade da fe). Lembremos que Xustiza, Fortaleza, Fe e Caridade son as virtudes cardinais e teologais (Libro da Sabedoría, 8: 5-7), por conseguinte “adornos morais” que se lle presupón ao monarca.

A dimensión internacional do escudo da Galiza era unha realidade no século XVI como demostra esta obra dos gravadores italianos

Diante dun querubín fica unha coroa real, termada polos anxos e que se vai pousar enriba do medallón. Dous meniños enredan cunha fita na que se le: Philippi titulis, regnis et insignib(us) sacrum. No medio deles xorde a faciana dun home vexetal do que ruben uns ramallos con froitas sobre os que descansan ambos anxos. Todo isto aparece á sombra dun dosel de pingueiras que se estende por detrás do cadro alegórico e, incluso, dos cincuenta e cinco brasóns que se grafan na metade inferior da calcografía. Certamente, once posúen un campo baleiro, polo que os emblemas se reducen a corenta e catro. Na parte superior sitúanse os reinos, seguidos a partir da terceira fila do imperio austríaco, os ducados, marquesados, condados e señoríos que lle son propios a Filipe II. 

O símbolo da Galiza

O símbolo da Galiza localízase na intersección da segunda fila coa cuarta columna, e aínda que as cruces sementadas no campo do escudo xa son un hábito na emblemática galega, neste gravado só se identifica cun cáliz provisto de tapa e sen remate crucífero. No que atinxe ao contorno de todos os brasóns este é un dos tipos que abunda na Península Itálica de finais do século XVI.

Exemplares desta obra podemos atopalos, entre outras institucións, na Biblioteca Nacional de Austria (“Österreichische Nationalbibliothek”) e na súa análoga española. Curiosamente na primeira delas tamén se custodian varios gravados do mesmo monarca, aínda que existe un que pasamos a analizar deseguido por levar impreso o brasón galego.

A execución desta lámina resulta menos lucida ca anterior, malia que o seu artista –Baptista Parmensis– non é unha persoa descoñecida no eido das artes. O aspecto do monarca resulta máis rudo e no proceso de elaboración percíbese unha mestría bastante inferior á de Campi, aínda que a indumentaria si se observa traballada. Por outra banda, segundo o que se grafa no interior da lámina, as prensadas fanse en Roma en 1589, xusto cando Sir Francis Drake intenta tomar A Coruña e un ano despois da derrota da “Armada Invencible”.

Ademais do escudo real, contornan a efixie rexia outros trinta e oito brasóns representativos dos estados do monarca, provistos todos eles das necesarias cartelas identificadoras. O galego, o cuarto do lateral dereito, e sobre o nome Galitia, deseñouse sobre un campo oval con bordo apergamiñado, cuxos mobles son un cáliz con tapa acostado de seis cruces, colocadas en pau, tres a cada flanco.

Michael Bryan, que no seu Dicionario de pintores e gravadores (Londres 1849) recolle unha breve biografía sobre Baptista Parmensis, identifica a calcografía cunha sucinta frase: “The Portrait of Philip II, King of Spain. 1589”.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Escudos do reino
comentarios