Caderno 'Coñecer'

Escudos de armas galegos na cartografía de Ámsterdam

Mapas destinados a dar a coñecer o Reino da Galiza.
Escudo real da ‘Hispaniae nova decribtio’ (c. 1606). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Escudo real da ‘Hispaniae nova decribtio’ (c. 1606). (Foto: Nós Diario)

O s dous máis grandes centros cartográficos de Europa, dende os albores do século XVI, están instalados principalmente en dúas cidades flamengas: Antuerpen, da que xa nos referimos noutra ocasión, e Ámsterdam. Alén de seren importantes centros culturais e núcleos mercantís, ambos lugares constituíronse como epicentros de divulgación cartográfica non só do continente europeo senón, ademais, daquel novo mundo que se abría nas rutas transoceánicas. Cualificado como o período áureo da cartografía, “primeiro en Antuerpen e despois en Ámsterdam, edítanse exemplares que son demandados dende todos os recunchos de Europa”, valéndonos das palabras de Agustín Hernando. 

Seguindo a este autor, debemos advertir que, coa presentación conveniente, os mapas son adquiridos por mercadores, representantes políticos e dignitarios relixiosos. E con respecto a isto, unha das primeiras cartas xeográficas da que debemos facer mención é a titulada Thalassographica Tabula totius maris mediterranei necnoc Oceani Atlantici, Hispanici, Gallici et Britanici. Son autores da mesma Petrus Pancius (1552-1622), Willem Barents (1550-1597) e Joost de Hondt (coñecido tamén como Jodocus Hondius). 

Este último, aínda que nado en Wakken (Flandres), instálase definitivamente en Ámsterdam en 1593 para, ao ano seguinte, lanzar a referida obra. Nela, con independencia da brillante elaboración, espertan o noso interese os elementos decorativos: rosas dos ventos, embarcacións históricas, seres monstruosos grafados no Atlántico e varios brasóns correspondentes aos soberanos de diversos territorios. Identifícanse, logo así, as armas dos reis de Francia (cos seus lises), Portugal (cos castelos e as quinas) e España. 

Por aquela altura goberna os reinos peninsulares un xa maior Filipe II, e o brasón que usa porta os emblemas de Castela, León, Aragón, Sicilia, Portugal, Austria, Galiza (representada unicamente cun cáliz), Toledo, Murcia e Granada. 

Un exemplar da obra consérvase no Departamento de Cartas e Planos da Biblioteca Nacional de Francia, mais non é a única deste editor. 
O cartógrafo Joost de Hondt publica en 1606 a Hispaniae nova decribtio de integro multis in locis, secundum hydrographicas. O gravador resulta ser Pieter van den Keere (1571-1646) e máis aló de que o mapa se asemelle bastante a outros de orixe flamenga (verbi gratia o da Península Ibérica de Hieronymus Cock), no lateral dereito xorde un escudo similar a aquel tratado liñas arriba e no que o propio Hondt traballa. As armas volven ser as mesmas, polo que tan só indicaremos que en determinadas edicións aparecen coloreadas; porén carentes moitas veces dunha verdadeira observación das regras heráldicas: Galiza pode ter un cáliz de ouro ou de prata en campo de sinople (verde) ou de goles (vermello).

Outro autor a ter moi presente é Nicolaus Visscher. Este, ao redor de 1633, confecciona en lámina de cobre unha Nova et accurata tabula Hispaniae praecipuis urbibus vestitu, insignibus et antiquitatibus exonarta. A xeito de orla, a xeografía peninsular decórase con diversos personaxes semellantes aos que Joost de Hondt incorporara na súa Nova Hispaniae descriptio de 1610. Porén, esta última non leva debaixo dos personaxes os escudos dos diversos territorios, senón que aparece un único emblema –no lateral dereito– coas armerías principais dos reinos. 

No caso de Visscher, na zona inferior esquerda certifícase a presenza do escudo galego, que ten por mobles heráldicos o viril e as cruces patadas, na liña propia dese momento, mais no que atinxe aos esmaltes han depender da edición e da man do iluminador (haberá escudos sen esmaltar, con campo de azur ou de goles).

Dando continuidade a estas liñas, vémonos obrigados a facer una parada na familia Blaeu, gravadores de prestixio internacional que deixaron obras inmensas para a historia da cartografía universal. Willen Janzoon Blaeu e os seus fillos Joan e Cornelius traballan como editores en máis de 50 atlas de gran formato e levan fama de seren celosos na actualización cartográfica. 
A obra que máis nos interesa ao respecto é o Toonneel des Aerdrycks, que parece ser que se remata en 1634 e que a partir de 1635 pasa a ter dous volumes. Falecido W. Janzoon, en 1638 continúa con esta empresa o seu fillo Joan, polo que a obra se fornece de máis e mellores contidos, chegando a ter seis volumes no ano 1658. 

A versión final do traballo, que pasa a ser denominado Atlas Maior, publícase en Ámsterdam entre 1662 e 1672, contén uns 600 mapas, milleiros de páxinas e está considerado o libro do século XVII máis caro e de maior extensión. Lanzáronse edicións en latín, francés, inglés, español, neerlandés, alemán... e recolleu recoñecementos internacionais. Impresionantes son todos os planos e refinada a súa decoración, o que se comproba en casos particulares como a cartografía destinada a dar coñecer o reino da Galiza. Desta falaremos noutro momento.

Máis en Escudos do reino
Comentarios