Caderno 'Coñecer'

Escudos de armas galegos na cartografía de Ámsterdam (e III)

A aparición da cruz de Santiago como elemento estético.
 
Representacións do escudo galego en obras de Frederick de Wit, agás á inferior á esquerda que figura nas obras de Chatelain (Imaxe: colección do autor)
photo_camera Representacións do escudo galego en obras de Frederick de Wit, agás á inferior á esquerda que figura nas obras de Chatelain (Imaxe: colección do autor)

De continuarmos coa “escola cartográfica de Ámsterdam” teremos que afondar naquela Europae Littora novissime edita que, dende esa cidade e por 1675, lanza Frederick de Wit. Na representación calcográfica plásmase boa parte do continente así como a zona setentrional africana, decorado todo con cartelas, elefantes, anxos e escudos de armas.

Son varios os emblemas que gusta de grafar, mais os referidos aos estados peninsulares e alemáns gozan dun brillo diferente. Un león, que coa gadoupa esquerda aferra a espada e coa dereita suxeita unha fita, érguese por enriba dun rosario de brasóns hispánicos que se distribúen segundo a silueta do colar da orde do Toisón de Ouro. No corazón de tal conxunto lese “Insignia Regnorum Hispani”. E, provisto das cartelas respectivas, trazáronse –ás veces coloreados– os emblemas de Castela, León, Portugal, Navarra, Toledo, Galizia, Sevilla, Murcia, Barcelona, Biscaia, Algarve, Córdoba, Mallorca, Valencia, Granada e Aragón.

Non entraremos na descrición do brasón galego, pois segue a mesma tendencia doutros referidos con anterioridade. Porén, si parece oportuno deixar constancia de que este cartógrafo tamén elabora outros mapas nos que dá conta do noso emblema. Totius Regnorum Hispaniae et Portugalliae Descriptio é o título dun deles; mais, con independencia das edicións lanzadas dende finais do século XVII até comezos do XVIII, Galiza ten o viril e as cruces como mobles a destacar. Secasí, o león que custodia todos os emblemas peninsulares pode ir decorado, ao mesmo tempo, con estandartes e bandeiras. Noutro mapa de Frederick de Wit, que podería datarse cara a 1672 e que titula Regnorum Castellae Veteris, Legionis et Gallaeciae, pricipatuum Biscaiae et Asturiarum, asexan entre as nubes catro anxos que enredan cos brasóns dos territorios sinalados, entre eles o da Galiza.

A cruz de Santiago

A partir desas alturas xorde na cartografía un elemento estético (e heráldico) vinculado co noso país e que comeza a ser empregado no seu escudo. Referímonos á cruz de Santiago, que por detrás do brasón (ou sexa, acolado) acompaña o emblema e, para maior entender, subliña o feito xacobeo e o carácter relixioso do mesmo. Deste asunto, non imos mergullar pois xa o tratamos en ocasións precedentes.

Continuando coas latitudes flamengas, para rematar, queremos deixar constancia de tres últimos planos e engadir outro máis elaborado na contorna próxima. O primeiro é da autoría de Daniel de la Feuille (1640-1709) que o lanza en Ámsterdam e rotula con este texto: Le Royaume d'Espagne avec ses confins. Aínda que é certo que De la Feuille é natural de L’Ardennes (Francia), a partir dos anos corenta o mapa imprimirao na mesma cidade neerlandesa en colaboración co editor Johannes Ratelband (1715-1793).

Como resultado deste feito, a partir desa década o documento levará incorporado un rótulo tamén en neerlandés (Generale Kaart van Spanjen). Alén da Península e as Illas Baleares, dúas columnas de oito escudos cada unha (en certas edicións coloreados) decoran o conxunto. Así aparecen as armas de Biscaia, Asturias, Galiza, Portugal, O Algarve, Andalucía (realmente son as de Sevilla), Granada, Murcia, Valencia, Cataluña, Mallorca, Aragón, Navarra, Castille Vielle, Castille Nouvelle (que absorbe as de Toledo) e León. As do reino galego son as seguintes: en campo de azur, con catro cruces recrucetadas de prata colocadas en pau, dúas a cada flanco, un cáliz do oro con tapa.

Un cáliz con cruces

Unha segunda obra na que centrar o interese é a que elaboran Henri Chatelain e Nicolas Gueudeville. Titúlana Carte historique et geographique des royaumes d’Espagne et de Portugal divisés selon leurs royaumes et provinses. Publícase por 1718 e dela consérvanse numerosos exemplares, un deles na Universitat Autònoma de Barcelona. Semellante ao caso anterior, Galiza conta cun cáliz con tapa nun campo sementado de cruces recrucetadas. No lugar no que se sitúa a cidade de Compostela faise a seguinte advertencia: “St. Iacques chef du plus riche ordre du Royaume institué aprés la Victoria de Longron, non contre les Mores en 844, et l’un de plus fameux pelerinages de l’Europe”. 

Seguindo unha orde cronolóxica na análise, cómpre deixar constancia dunha peza confeccionada entre 1720 e 1734 por Matthäus Seutter. Denominada Novissima et accuratissima Regnorum Hispaniae et Portugalliae, Galiza porta un viril entre catro cruces. No entanto, reservamos para o final, por non se tratar da cidade de Ámsterdam dende a que se lanza o vindeiro mapa, senón dende a de Leiden, unha obra do editor e libreiro Pieter van der Aa. Rotulada Kaart van Asturien, Galicien en Leon, ve a luz en 1707, está gravada ao cobre e coloreada a man.

As xeografías galega, leonesa e asturiana teñen como elementos decorativos cadanseu escudo de armas. A lámina, provista dun emblema galego semellante ao confeccionado por De la Feuille, incorpórase á obra Beschryving van Spanjen en Portugal, concretamente, na edición dese ano.

Máis en Escudos do reino
Comentarios