O escudo da Galiza no mapa de Caspar Vopelius

O mapa de Vopelius é outra cartografía europea do século XVI onde aparece recollida a singularidade da Galiza.
Bibliothèque Nationale de France.
photo_camera Escudo da Galiza recollido no mapa de Vopelius (Foto: Bibliothèque Nationale de France).

Para que os monarcas españois puidesen levar a cabo proxectos comerciais transoceánicos dende os albores do século XVI, mellorar a cartografía viuse como unha necesidade fundamental. Por iso, con independencia daqueles portolanos elaborados no baixo medievo –nalgún dos cales ondea unha bandeira provista dunha cuncha para representar Compostela e se cadra tamén Galiza–, logo da descuberta do Novo Mundo as xeografías deben ser máis exactas e detalladas no papel. Sobre os territorios, cidades e lindes dos reinos e vicerreinados que agroman polo continente americano despréganse mapas útiles para as exploracións, o comercio e as políticas coloniais. 

Velaí por exemplo o que Guijelmus Blaeuw confecciona sobre Nova España e Nova Galicia, en terras mexicanas. As deste último reino, e como anécdota, foran conquistadas por Nuno Beltrán de Guzmán, feito que el denomina como “Conquista del Espíritu Santo de la Mayor España”, sendo Tepic a capital que rebautiza como “villa del Espíritu Santo de la Mayor España”. Por Real Cédula do 25 de xaneiro de 1531, e en virtude do ordenado por Isabel de Portugal, muller de Carlos V, os territorios pasan ipso facto a se chamaren “Reino de Nueva Galicia”, e esixe que se poboe “onde mellor parecese unha cidade que se chame Compostela, á que lle concede, como capital do reino, as liberdades, os foros e privilexios que tiña”. Curiosa é a esixencia de Isabel, mais que razóns sentimentais, políticas ou cando menos simbólicas se agochan na súa decisión?

Caspar Vopelius 

Porén, existen mapas que están provistos máis ben dunha función alegórica que propiamente cartográfica. E un bo exemplo disto é aquel que no ecuador do século XVI realiza un prestixioso cartógrafo e astrónomo nado en Medebach (Renania do Norte-Westfalia). O seu nome, Caspar Vopelius (1511-1561), vai ligado ao mundo das matemáticas e a ciencia, pois é quen de afondar en diversos eidos do saber como a astronomía, a cosmografía e a técnica. Fabrica, logo así, instrumentos útiles para a navegación e a observación do ceo (globos celestes, esferas armilares, astrolabios...). 

No que atinxe ao seu labor docente, imparte aulas no Montaner Gymnasium (Köln) e está considerado o sucesor do humanista Heinrich Glarean. No exercicio cartográfico, elabora diversos mapas, aínda que analizaremos aquel de Europa que lanza por 1555. Del non se conserva ningún exemplar da edición príncipe; mais coñecemos a existencia dun da segunda prensada conservado na Bibliothèque Nationale de France. Baixo o título Europae primae et potissimae tertiae terrae partis recens descriptio, Bernard van den Putte, prestixioso gravador flamengo que desenvolve a súa actividade profesional sobre todo en Antuerpen e Mechelen, imprime esta obra en 1566 (xa falecera Vopelius). Consta dez pregos de 38 por 50 centímetros, agás dúas láminas a maiores de dimensións máis reducidas. Os territorios do continente gráfanse na totalidade e no primeiro dos folios, entre as columnas de Hércules e unha grilanda de froitas e vexetais, loce o escudo de Carlos V. A autoría certifícase na cartela superior dos primeiros folios, nos que conxuntamente se le: “Potentissi ac invictiss, principibus et domi/nis D. Carolo Quinto et Ferdinando sacri roma/ni imp. Monarchis semper augustis etc. dicavit / Caspar Vopelis”. Incluso a cartela do título tamén o testemuña.

Nunha das follas vese a parte da costa atlántica francesa e o “Oceanus Cantabric”, así como o territorio galego e a zona setentrional portuguesa. Aínda que na Galiza aparece unha bandeira cun escudo que non se corresponde co galego (quizais sexa o de León), si se constata a existencia do emblema propio –de fermosa fasquía– chantado entre a costa de Viveiro e Ribadeo. 

A xeografía galega na cartografía de Vopelius

Aínda que algúns topónimos fican desprazados, identificamos o río Miño e os lugares da Coruña, Muxía, Noia, Compostela, Padrón, Pontevedra, Redondela, Baiona, Ourense, Lugo, O Bierzo (fóra de lugar) etc. Ao pé de Finisterrae aclara o autor que se trata de “Neraum et Celtiann”, non lonxe de “Solis arae”. Identifica, asemade, o cabo Prior, a zona Ártabra, as Illas Cíes (Bayonae insulae) e as lendarias Cassiterides. Nas proximidades do litoral lusitano navega unha embarcación coas veas izadas e cabo dela permanece o monarca portugués sentado no seu trono, co cetro na man dereita e o escudo real á súa sinistra.

No que atinxe ao brasón galego este só se representa cun cáliz con tapa acostado de catro cruces patadas colocadas en pau, dúas a cada flanco. A execución da peza é fantástica, mais os escudos relativos a Castela e Aragón vense con menor impacto visual. A representación na súa totalidade é fermosa, pois está ateigada de monstros mariños e seres fantásticos, deuses clásicos, rosas dos ventos, escudos de armas, navíos, referencias históricas a textos grecolatinos, monarcas sentados nos seus respectivos tronos ou ben tocados por unha man celestial que, de non facelos case deuses, si aparecen como grandes heroes. E Galiza..., no medio de todo isto.

Máis en Escudos do reino
Comentarios