Escudos de armas galegos na cartografía de Ámsterdam (II)

Mapas destinados a dar a coñecer o reino da Galiza.
Versión do escudo do Reino da Galiza.
photo_camera Versión do escudo do Reino da Galiza.

C ómpre sinalar que o mapa do Reino da Galiza de Fernando Oxea incorporárase en 1611, con certas variacións, ao Atlas sive Cosmographicae Mediationes de Fabrica mundi et fabricati figura do xeógrafo Gerard Mercator, editado por Jodocus Hondius. Mais neste non figura ningunha representación heráldica na que debamos mergullar o noso interese. Dezaoito anos máis tarde Willem Blaeu adquire de Henricus Jodocus as placas desa obra, polo que a xeografía galega comeza a ser plasmada no Novus Atlas, tamén coñecido como Theatrum Orbis Terrarum, sive Atlas Novus in quo Tabulae et Descriptiones Omnium Regionum. Lánzase dende 1634 até 1658 e velaquí fican os albores do que a partir de 1662 constituirá o Atlas Maior. Debemos advertir que o cartógrafo Johannes Janssonius publica a impresión dunha placa moi semellante pero a partir de 1636. Esta achegarase nunha obra titulada de xeito parecido á anterior: Atlas Novus sive Theatrum Orbis Terrarum.

De continuarmos co Novus Atlas, que ve a luz en Ámsterdam, debemos lembrar que o mapa da Galiza que aparece dende a edición alemá de 1634 é o mesmo que confeccionara Fernando Oxea, aumentado e actualizado. Deste xeito sinálase nun texto que se localiza no interior dunha cuncha de vieira termada por un ser mitolóxico mariño, ben Neptuno ben un tritón: “Gallaecia Regnum, descripta a F. Fer. Ojea, Ord. praed. et postmodum multis in locis emendata et aucta”. En segundo termo, no cuadrante superior esquerdo dous anxos sosteñen un cartouche, a xeito de cortina, cun pentagrama e a divisa que “incorporara” o dominico galego para a edición de 1603: “Hoc mysterium firmiter profitemur”.

Como puntualización, debemos advertir que esta lenda –acompañada do respectivo escudo galego– usaraa en 1622 o licenciado e rexedor compostelán Bernardo de Luaces (1614-1628) para a súa obra Iuris allegatio pro Regni Galleciae defensione. Pero tamén o fará o coñecido allaricense frei Filipe de la Gándara e Ulloa, concretamente na obra titulada Armas y Triunfos: Hechos heroicos de los hijos de Galicia. Esta ve a luz en Madrid en 1662, mais un ano despois da morte do humanista agostiño tamén se lanza outra edición, a de 1677. En ambas as dúas non só aparece a referida divisa, senón que o escudo vai timbrado con coroa imperial, así como gustara Albrecht Dürer por 1512 para o Arco Triunfal de Maximiliano de Habsburgo (Ehrenpforte Maximilians I). Continuando por un intre co devandito lema que propaga a vinculación do noso país e do seu brasón co misterio eucarístico, cremos oportuno afirmar que incluso se plasma na Real Cédula a favor de la Compañía de Comercio del Reino de Galicia, lanzada en 1734, e en cuxa cuberta fica o escudo galego provisto dunha bordadura con ese texto. Aquel foi gravado polo cordobés Juan Bernabé Palomino. Deseños heráldicos co emblema do noso país e a mesma divisa hanse constatar en obras elaboradas no continente americano. Velaí se percibe naquela Galicia, Reyno de Christo Sacramentado que en 1750 lanza en México Pascasio de Seguín e ilumina Baltasar Troncoso e Soutomaior. 

Continuando coa descrición do mapa de Oxea incorporado tanto no Novus Atlas de Willem Blaeu como no Atlas Novus de Johannes Janssonius hai que reparar non feito de que os seres celestes de ambas versións son moi similares, aínda que gardan algunha pequena diferenza no seu trazado. Porén, a xeito de "tenantes", suxeitan un emblema galego provisto de viril –rematado nunha cruz e no que se distingue a hostia sagrada– "acostado" de seis cruces patadas colocadas en pau, tres a cada flanco. O brasón vai timbrado con coroa real aberta. No que atinxe ao deseño do viril que aparece no mapa da edición de 1635 de Blaeu este garda bastante semellanza con aquel de 1603 publicado por Oxea, porén o de 1636 de Janssonius vese máis robusto e, xa que logo, menos estilizado. Velaquí unha particularidade para poder distinguilos. Non sobra comentar que Blaeu e Janssonius estaban enfrontados por mor da adquisición das placas que elaborara Jodocus Hondius, cuñado deste último, segundo apercibe Carmen Manso Porto.

Noutra orde de asuntos entendemos conveniente destinar unhas liñas ao uso dos esmaltes, pois estes difiren dunha a outra edición, e malia tal arbitrariedade seguen a ser representacións de gran fermosura. Poderíamos sinalar que a súa execución está case á altura daqueles grandes libros de escudos europeos como Le Grand Armorial Colorié, o armorial de Nicolas de Lutzelbourg, o Sammelband mehrerer Wappenbücher... Do referido Atlas Maior, magna obra da familia Blaeu e na que se verten os mapas procedentes do Novus Atlas, existen copias distribuídas por todo o mundo, dende Francia a Leipzig (Leibniz-Institut für Länderkunde) e dende Düsseldorf (Universitäts und Landesbibliothek Düsseldorf) a Leiden (nos Países Baixos). Por mor da difusión desta obra cartográfica e da súa inclusión no Atlas Maior, a xeografía do Reino da Galiza, varias pinceladas históricas e o seu emblema serán coñecidos por diversos recunchos do mundo, incluído o continente americano

Máis en Escudos do reino
Comentarios