E Galiza de novo en Portugal: A representación do escudo galego en traballos portugueses do século XVI

Con independencia das copias do escudo da Galiza que Pedro de Gracia Dei divulga e que se reproducen en non poucos manuscritos, cómpre facer memoria doutro documento gráfico de suma importancia para estas investigacións: o mapa que Fernando Álvaro Secco confecciona.
Armas da Galiza
photo_camera Armas da Galiza

Con independencia das copias do escudo da Galiza que Pedro de Gracia Dei divulga e que se reproducen en non poucos manuscritos, cómpre facer memoria doutro documento gráfico de suma importancia para estas investigacións. Este vén a ser o mapa que Fernando Álvaro Secco confecciona co obxecto de dar luz nas discusións diplomáticas que por aquela altura, entre 1559 e 1561, ten a Santa Sé co humanista alentejão Aquiles Estaço (1524-1581).

Este último persoeiro foi secretario no Concilio de Trento e do propio papa Pío V (1566-1572), entre outras responsabilidades. Por outra, segundo se considera, o mapa é o máis antigo que exclusivamente se elabora sobre Portugal. Sen dúbida existen edicións ben fermosas, incluso coloreadas –non só no que atinxe ás xeografías senón tamén aos seus brasóns–; porén, até o de hoxe, só localizamos unha copia sen iluminar na que se grafa o escudo da Galiza. Nas outras versións máis lucidas non hai rastro do emblema.

Por mor disto, pasamos a describir exclusivamente o documento que interesa, indicando de principio que ten unhas dimensións de 5 centímetros e medio de longo por algo máis de 35 de largo. Conservado na Biblioteca Nacional de Portugal, a cartela localizada no extremo superior dereito encabézase cunha alusión ao cardeal romano Giodo Ascanio Sforza (1518-1564), neto do papa Paulo III, pois aquel tiña por nai a Constanza Farnesio, un dos xermolos do citado pontífice. No remate da cartela certifícase que se trata dun mapa elaborado en 1561.

Toda a costa atlántica portuguesa distribúese ao longo da parte superior e alén de localizar portos e urbes importantes tamén se grafan recintos fortificados. Isto tamén acontece nos lindes galegos, pois neste territorio son visíbeis as vilas amuralladas de Baiona e Pontevedra. No que afecta aos escudos representados, primeiramente habería que informar non só da presenza das “Armas novas do Reino de Portugal”, coas súas quinas en cruz –escusóns provistos de bezantes– e a bordura de castelos; senón tamén dunhas “Antigas Armas” nas que unha cruz divide o campo do escudo en catro cuarteis.

As ‘Armas da Galiza’

Na parte inferior, un león rampante alude ao reino homónimo e, á dereita, vense as “Armas da Galiza”, que non son outras que as propias trasladadas por Pedro de Gracia Dei: o faro brigantino ou torre de Hércules. Así e todo, esta versión, como dixemos desprovista de cor, está bastante decorada no corpo inferior da torre con motivos quizais vexetais a xeito de filigrana. 
Na zona sur da Península Ibérica, ángulo inferior esquerdo, gráfase outro brasón cunhas columnas de Hércules que aluden a un suposto “Reino de Andaluzia”.

Tanto este último escudo como o galego hanse representar un século e algo máis tarde no Tesouro de Nobreza, obra elaborada por Francisco Coelho. Na páxina 6 da mesma identifícanse os emblemas de Macedonia, dos Godos (nunha versión pouco brillante na que se ven tres sapos, aqueles que disque foron as armas primitivas de Francia, logo serían os lises), Castela, Barcelona e Cataluña, Aragón, Galiza, Portugal e Andalucía, entre outras.

Estes últimos territorios, así como aqueloutros citados, beben da obra de Gracia Dei, de aí que Galiza porte un faro, o reino veciño unha cidade amurallada e Andalucía as citadas columnas. Mais neste fermoso libro, realmente moi ben iluminado e provisto de cartelas lustrosas, tamén se recompilan outros brasón propios destes reinos. Velaí que na páxina anterior, na cinco, aparezan enumerados do 19 ao 30 os emblemas de “Leam, Granada, Valença, Malhorca, Cordova, Algarve, Biscaia, Barcelona, Castella, Toledo, Navarra e Galiza”. O do noso país é, aínda que coloreado cun metal pouco acaído para o seu campo (pois é de prata, debendo aparecer un esmalte como o azul), un viril de ouro acostado de seis cruces do mesmo, colocadas en pau, tres a cada flanco. 

O fabuloso manuscrito, datado en 1675, época na que exerce a rexencia de Portugal o futuro monarca Pedro II, consérvase na Torre do Tombo de Lisboa (sinatura: Casa Real, Cartório da Nobreza, Livro 21), onde se custodian importantes documentos vinculados coa historia galega que agardan ser estudados. Resta sinalar que o seu autor foi rei de armas da corte portuguesa, tal e como se recolle na “folla de rostro”: “Tombo das armas dos reys e titulares e de todas as familias nobres do reyno de Portugal, intitulado có o nome de Thesouro de Nobreza, por Françisco Coelho, Rey de Armas Índia”.

Por outra banda, non queremos rematar estas liñas sen advertir que tanto no Livro do Armeiro Mor de João do Cró (1509), como no Livro da Nobreza e Perfeiçam das Armas de António Gondinho (cara a 1521-1541), lamentabelmente, non existe ningún emblema real da Galiza. E isto é unha mágoa pois os escudos que neles se representan están elaborados cunha mestría espectacular, da talla daqueles grandes armoriais europeos de mediados do século XVI, da altura de tantos manuscritos iluminados flamengos, neerlandeses ou incluso de Suíza.
 

Máis en Escudos do reino
Comentarios