mércores 12/08/20

Pachi Vázquez: “Con Feijóo os pensionistas víronse convertidos en culpables da crise"

Se falamos do candidato Manuel Vázquez Fernández quizais non lle soe a ninguén, porén o seu alcume 'Pachi' aparece na listaxe de aspirantes á presidencia da Xunta de Galiza polo PSdeG-PSOE. Médico de profesión, ex-conselleiro de Medio ambiente con Emilio Pérez Touriño e ex-alcalde do Carballiño --a súa vila natal--, Pachi Vázquez preséntase ás eleccións convencido de representar o cambio de goberno.
Pachi Vázquez, candidato do PSdeG-PSOE
Pachi Vázquez, candidato do PSdeG-PSOE

Como enfronta as primeiras sondaxes que prevén un descenso do PSdeG?

A do CIS di dúas cousas que me gustaría salientar, aínda que non as recollan os xornais. Dunha banda, reflicte que a inmensa maioría quere o cambio e, doutra, o 40 % dos que van votar seguen indecisos. Se estes indecisos xiran cara ao Partido Socialista, o 21 pola noite haberá un presidente socialista.

Un dos eixos da súa compaña están a ser @s pensionistas. Cal é a súa proposta perante unha reforma das pensións?

Con Feijóo e Rajoy os pensionistas, os dependentes, os usuarios da sanidade pública... víronse convertidos en culpables da crise. Comprométome a que os pensionistas non terán que pagar nada polos medicamentos, recuperando así poder adquisitivo.

O seu Plan de Emprego Xuvenil compromete 60 millóns ao ano para 25.000 [email protected] Se botamos contas o salario é mínimo. É esta a solución?

É unha das solucións, a que primeiro poremos en marcha para incorporalos ao tecido produtivo, e que ademais sería compatible con outro tipo de axudas. Trátase de reverter unha tendencia que nos leva ao abismo e que nos sitúa cun paro xuvenil por riba do 46%.

Preséntase como alternativa aos recortes, mais o PSOE a nivel estatal apoiou medidas como a reforma laboral, a lei de caixas ou a reforma da Constitución. Non é contraditorio?

A contradición está en prometer que non se ían tocar os impostos, que non abaratarían o despido e que a crise remataría polo simple feito de que Rajoy se acomodase na Moncloa. Os socialistas, desde o consenso democrático, sempre procuramos, en Galicia ou en Madrid, tender a man para resolver os grandes problemas económicos que afectan ás persoas. Mais a chegada do PP ao goberno, supuxo a carga da crise sobre os que a padecen, as familias. Hai que cambiar isto de inmediato, e os socialistas farémolo mediante unha nova fiscalidade sobre a banca e as grandes áreas.

Apoiará a demanda dun concerto económico para Galiza?

Os socialistas galegos traballaremos por manter as competencias e acadar o maior número delas, dentro do consenso constitucional. Aspiro a que Galicia acade o máximo grao competencial e de autogoberno dentro do marco constitucional.

Retomarei a reforma do Estatuto, co consenso de todas as forzas políticas, para o que nos faltou moi pouco na etapa do goberno de Touriño, partindo de que debe recoller todas as propostas para o desenvolvemento do noso autogoberno, tamén en materia económica.

comentarios