Feijóo aspira á reelección cun programa que xa incumpriu

O candidato do PP promete déficit cero mais a contabilidade real da Xunta está lonxe desa cifra, ou fala da creación de emprego cando baixo o seu mandato o destrución de postos de traballo alcanzou cifras récord.
Feijóo
photo_camera Feijóo

“Déficit cero e crecemento”, son os eixes do programa electoral que o domingo presentou o candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo e que xa se pode ler na súa integridade na web da formación. Porén, o programa marca unha serie de obxectivos que nada teñen a ver co desenvolvido polos populares no goberno autonómico. O PP inclúe nas moitas páxinas -máis de 300- do seu programa propostas políticas que contrastan co balance da última lexislatura.

O propio déficit cero que Feijóo presenta como “austeridade” é unha cifra aínda moi afastada. No primeiro trimestre, e utilizando o que agora se dá en chamar “contabilidade creativa”, a Xunta presentou unha cifra de 1.61% que semanas máis tarde atinxiu realmente o 4,76%. No segundo trimestre, vén de anunciarse unha cifra de 1,06%, mais cabe a posibilidade de que na realidade sexa tamén maior. Ademais, alén do déficit, a “austeridade” que o PP volve colocar no centro do seu programa choca co enorme ascenso da débeda da Xunta, que se incrementou nun 25% e 3.100 millóns de euros nos tres anos e medio de Feijóo en San Caetano.

O candidato popular asegurou que o se principal obxectivo é “o que se reflicte na primeira liña do programa”. Concretamente, esta di que “Galicia debe asumir unha nova estratexia de desenvolvemento social e económico, construído sobre unha economía competitiva que garanta a prosperidade e a sustentabilidade das contas públicas”. No entanto, esa referencia non fala para nada d@s desempregad@s, ao contrario do que afirmou Feijóo durante o acto.

Promete emprego con cifras récord de paro

Con Feijóo na Xunta, o número de persoas sen traballo alcanzou o seu teito, pasando do 12 ao 21%

Hai que pasar varias páxinas do programa do PP para se atopar coa primeira mención ao desemprego, que xa afecta a máis dun cuarto de millón de galegas e galegos. Nela afírmase que se “desenvolverán programas de actuación a medio prazo para favorecer unha recuperación xeradora de emprego potenciando en particular a formación e axudas á creación de empresas nos sectores estratéxicos da economía galego”.

Con Feijóo na Xunta, o número de persoas sen traballo alcanzou o seu teito, chegando a un 21 por cento --había un 12 cando chegou á presidencia-- o que afectou a máis de 100.000 galeg@s, colocando Galiza á cabeza do estado na destrución de emprego. Doutra banda, o mesmo programa do PP para o 21-O aposta pola empresa privada para loitar contra o paro, deixando a iniciativa pública nun plano moi secundarizado. É máis, no referente ao cadro de persoal da propia Xunta, o programa do PP anuncia redución de persoal, que chaman “axuste”. Tamén fala de utilizar “criterios de flexibilidade” o que apunta a inestabilidade laboral no emprego público.

Renuncia a alongar o autogoberno e afirma querer apostar agora polo galego

Feijóo incumpriu a promesa de reformar o Estatuto esta lexislatura

Doutra banda, o PP xa avanza no seu programa que non pensa intentar ningún avance no autogoberno de Galiza. Réstalle interese a abordar a redacción dun novo Estatuto --Feijóo dixo que presentaría un proxecto de reforma estatutaria na pasada lexislatura, cousa que non fixo-- e mesmo di que “o proceso de transferencias está practicamente concluído”, cando por exemplo PP e PSOE vetaron nas Cortes o traspaso das competencias de tráfico, que foran solicitadas de forma unánime polo Parlamento Galego.

Unhas páxinas máis adiante, o PP di que se “compromete a impulsar o uso da lingua galega como principal referencia de identidade galega”. Unha afirmación paradoxal en tanto que o de Feijóo foi o primeiro goberno galego que reduciu a presenza da lingua nas aulas e desenvolveu políticas de negación do uso público do idioma propio, e mesmo entre @s representantes institucionais.

Comentarios