A Xunta volve anunciar a chegada da autovía a Noia tras deixar partidas orzamentarias sen executar durante seis anos

O ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, proclamou en 2010 que as obras da autovía comezarían en 2012.
Tramo do corredor Brión-Noia (Foto: Google Maps).
photo_camera Tramo do corredor Brión-Noia (Foto: Google Maps).

A Xunta da Galiza anunciou esta cuarta feira, unha vez xa foron convocadas as eleccións ao Parlamento galego polo presidente do Executivo, Alfonso Rueda, que iniciou o trámite de consultas ambientais do proxecto da primeira fase de conversión en autovía da vía de altas prestacións CG-1.5 Brión-Noia.

Porén, o Goberno galego leva máis de dous millóns de euros sen executar nesta infraestrutura, que xa fora anunciada en 2010 polo ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, momento no que afirmou que o comezo das obras de conversión en autovía tería lugar en 2012.

Por outra parte, os orzamentos da Xunta tiñan unha partida de 250.000 euros no ano 2018 para iniciar as obras de conversión da CG-1.5 en autovía. Esta non se executou, de igual forma que tampouco se fixo en partidas similares das contas de 2019, 2020, 2021 e 2022.

Ademais, as contas deste ano incluían unha partida dun millón de euros, tamén sen executar (sumando 2,25 millóns de euros sen executar en seis anos), a cal foi renovada no orzamento de 2024. Desta maneira, a actuación anunciada pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, que tería un orzamento que rolda os 29 millóns de euros, dista moito do único millón consignado nas contas.

Comentarios