A Xunta non actuou ante o impago das concesionarias do canon de transporte

A Xunta da Galiza nada facía para cobrar o canon que as concesionarias das liñas de transporte público por estrada debían pagarlle. Só cando o Consello de Contas empezou a auditar eses pagos e a comprobar os atrasos que acumulaban, a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade moveu ficha. Así se recolle no informe que o ente fiscalizador vén de publicar sobre a ordenación e inspección do transporte público. 
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta da Galiza.
photo_camera Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta da Galiza.

As empresas concesionarias das liñas de transporte público na Galiza deben pagar á Administración o obrigado canon no mes de xaneiro do ano seguinte ao exercicio correspondente. Así se estipula no prego de prescricións administrativas. Mais iso non se cumpría e a Xunta da Galiza non actuaba. Así se recolle no informe do Consello de Contas.

Neste documento indican que nos seus traballos de fiscalización detectaron que no aboamento dos ingresos correspondentes aos canons das concesións dos exercicios 2020 e 2021, observouse que "con carácter xeral os concesionarios incumpren este prazo de ingreso". Así, explican, para o canon correspondente ao exercicio 2020, o prazo límite de ingreso remataba o 31 de xaneiro de 2021.

"Transcorrido aquel, ningún concesionario atendera ao pagamento da obriga" e non foi até novembro de 2021 —"unha vez iniciados os traballos de fiscalización" por Contas, apunta o propio ente, cando por parte da Dirección Xeral de Mobilidade "se inician as primeiras actuacións para requirir aos concesionarios o xustificante do ingreso correspondente, amosando así un atraso medio de 338 días entre a data límite de ingreso e a de requirimento ao concesionario". Respecto do canon correspondente ao exercicio 2021, cuxo prazo de ingreso remataba en xaneiro de 2022, "apréciase tamén un incumprimento xeral", se ben aquí a Administración decidiu actuar sen tanto atraso.

Contas é contundente e indica que a Xunta só actuou cando Contas comezou a auditar a situación. "O pagamento do canon é unha obriga contractual do concesionario e como todas as obrigas, obviamente debe ser obxecto de control e seguimento por parte da Administración; neste sentido non consta que a Dirección Xeral de Mobilidade desenvolvera actuación algunha para verificar o cumprimento desta obriga do concesionario até que unha vez iniciados os traballos de fiscalización por parte do equipo de auditoría [do Consello de Contas] se comprobou o cumprimento do pagamento por parte dos concesionarios”.

É entón, prosegue Contas, cando por parte da Xunta "comeza unha comunicación cos concesionarios para interesarse polo pago, onde se evidencia que algún deles non tiña intención de realizar o pagamento, solicitando nuns casos a exoneración e noutros casos a suspensión do pagamento”.

Participación limitada

Non é este o único reproche que a Xunta recibe no informe do Consello de Contas. No mesmo tamén se censura que a participación nas licitacións foi moi limitada: "a 72 lotes concorreu un só licitador". Apunta, ademais, que a estas licitacións as empresas concorreron fundamentalmente a través de UTE, lamentando que "nunha boa parte dos lotes dos concursos a porcentaxe de participación das pemes nas UTE foi moi minoritaria"

Comentarios